domingo, 25 de febreiro de 2018

Fariña de Nacho Carretero será a próxima lectura compartida do grupo de profesorado.

Achegámonos con ganas a unha obra que , polo que sabemos dela, supoñemos ben documentada, valente e necesaria.
Imagen relacionada

Encontro do profesorado co escritor Riveiro Coello a propósito da súa obra Laura no deserto.

O psado xoves 22 de febreiro tivemos a sorte de contar na reunión do grupo do profesorado co escritor Antón Riveiro Coello para conversar con el da súa novela Laura no deserto e tamén da figura de Mercedes Núñez de quen leramos o testemuño brutal que recolle na obra Cárcere de Ventas.

 Da motivación que o levou  a escoller a Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial como materia literaria, da estrutura tan coidada da obra, dos personaxes, do labor do escritor, dos seus comezos... de todo isto e moito máis (non podía faltar o entroido de Xinzo) falamos durante tres horas que correron como se duns minutos se tratase.

Moito aprendemos e moito rimos!! Grazas Antón e volve cando queiras!

luns, 19 de febreiro de 2018

Corredora de María Reimóndez, próxima novela do grupo O niño da curuxa.

Resultado de imagen de corredora de maria reimondez 


E de Perú a Etiopía . Corredora de María Reimóndez será a próxima lectura do grupo de ESO do noso club de lectura. A proposta foi recibida con entusiasmo polos membros do grupo que xa leran a novela Usha desta autora.                                                                                                                                        

O grupo de ESO xuntouse para comentar Ceiba de luz.

Este luns 19 de febreiro reuniuse o alumnado dos cursos de ESO do noso club de lectura para comentar a obra que obtivo o último premio Jules Verne de literatura xuvenil : Ceiba de luz de Manuel Lourenzo González.

Unha expedición á selva amazónica do Perú é o punto de partida da obra e tamén o foi da reunión, ao imaxinar que levariamos nun "kit" de supervivencia, cales dos personaxes serían os mellores compañeir@s de tenda, como organizariamos as comidas..... e coincidiamos na boa organización que a priori tiña a aventura viaxeira da obra.

Temas como a interculturalidade , a mestizaxe, a ecoloxía, as tradicións están en Ceiba de luz, nesa busca de El Dorado, da terra prometida. Un dos acertos da historia é manter a intriga ata o final, nunha tensión narrativa que non baixa ao longo da novela.
Recomendamos Ceiba de luz e dispónomos a facer un mural sobre a obra co que contribuír ao proxecto da biblioteva docentro que neste curso ten como tema outras culturas.

sábado, 17 de febreiro de 2018

Luns de Eli Ríos , próxima lectura do grupo de Bacharelato do club de lectura Curuxaina.




Se na primeira avaliación tratamos da diversidade das relacións sexuais e afectivas, neste segundo trimestre o  tema deste grupo do noso club de lectura, que queremos que sexa coeducativo, está sendo a violencia de xénero.

A próxima lectura é unha novela da escritora Eli Ríos a quen coñeciamos como poeta e que agora se estrea como narradora. Luns permitiranos aplicar moitas das reflexións da obra que vimos de ler (O diario azul de Carlota) á vida da protagonista, unha muller en quen podemos ver a vida e o sufrimento de moitas mulleres da vida real porque na ficción imos atopar a realidade coa que topamos a cotío .



Encontro do grupo de Bacharelato a propósito d´ O diario azul de Carlota.


O xoves 15 de febreiro, coma sempre na cafetería de 2 a 4h., realizouse a xuntanza do grupo de Bacharelato do noso club de lectura. A obra a comentar era O diario azul de Carlota de Gemma Lienas, unha obra moi didáctica que trata o tema da violencia de xénero enmarcada noutras violencias como o acoso escolar.
Comezamos comentando o título (o azul do ceo, do mar, da liberdade...) e a portada unha nena que pecha os ollos coas mans, quizais Amaia , personaxe ao que tanto lle custa ver o maltrato ao que está sendo sometida por parte do seu mozo ou talvez é unha nena que chora e que representa a calquera das mulleres que na obra sofren violencia ( Magali, que teme unha ablación, a profe Candela que lle confesa a Carlota que o seu pai era un maltratador...).

O didactismo da obra vén dado pola mestura dos recursos utilizados para falar da violencia de xénero e do acoso escolar: enquisas, informes, testemuños, noticias, as diapositivas do Power Point que sobre o tema está elaborando a protagonista ... e , sobre todo, pola cantidade de bibliografía (páxinas web, lecturas, películas...) que se citan en O diario azul de Carlota.



Moit@s d@s asistentes xa lerán O diario violeta de Carlota que ten como tema o feminismo e na xuntanza suxeriuse tamén a lectura do Diario vermello sobre as relacións amorosas e o Diario laranxa que ten como tema os dereitos humanos e a inmigración.