martes, 3 de xullo de 2018

Última xuntanza e despedida do grupo do profesorado do Club de Lectura Curuxaina.

Previamente á realización do roteiro d´O xardineiro dos ingleses, desenvolvemos a xuntanza para falar da obra. Comentamos como reflexa a novela a existencia de dúas vilas ben diferenciadas, como influía na vida da vila a chegada dos ingleses e alemáns e de que xeito tan brutal repercutiu o levantamento militar do 36 na historia de Vilagarcía. 


Mais esta xuntanza era  a miña última  como coordinadora, polo que se converteu tamén nunha comida- encontro de despedida.

Moitísimas grazas a todas miñas queridas curuxainas e curuxainos (profesorado e alumnado) por tantos encontros, tantas conversas e tantas lecturas. Foi unha honra coordinar este club de lectura, do que, malia a distancia , quero seguir formando parte. Até sempre!
Sira Vidal.


O grupo do profesorado (xunto co do IES Sánchez Cantón de Pontevedra) rematou a súa actividade neste curso cun roteiro sobre a novela O xardineiro dos ingleses, guiado polo autor Marcos Calveiro.

O pasado mércores 30 de maio o grupo do profesorado do noso Club de Lectura Curuxaina,  xunto co grupo do profesorado do Club de Lectura do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, realizou un percorrido polas rúas de Vilagarcía seguindo os pasos de Delia Cores e Edelmiro, protagonistas da novela O xardineiro dos ingleses de Marcos Calveiro quen actuou de guía.

Partimos da Ravella, lembrando os feitos da novela que acontecen no concello vencellados ao levantamento militar.
Achegámonos ao edificio onde antes estaba o Varietés, salón ben citado na obra. E a partir de aí fomos achegándonos ao Ateneo, a Aduana, a Consignataria.....nun traxecto no que ademais dos personaxes de ficción como os xa citados ou como Modesto Filgueira (trasunto literario do propio Calveiro) saíron tamén personaxes reais que aparecen na novela , como Sorolla, Lorca ou Plácido Castro.

O roteiro rematou coa sinatura das obras e cunha foto do grupo participante, os clubs de lectura do profesorado do IES Castro Alobre de Vilagarcía e do IES Sánchez Cantón de Pontevedra.