xoves, 29 de xuño de 2023

La desconocida

 Última xuntanza do Club do profesorado. O motivo era comentar as nosas impresións sobre La desconocida de Rosa Montero e Olivier Truc. Coincidimos en que era unha historia entretida e que mantiña o interese da persoa lectora. Como, por motivos varios, eramos moi pouquiñas decidimos volver comentar esta lectura en setembro; por iso, nesta entrada non comentaremos nada máis, para non dar pistas.

Iso si! Recordade ler no verán. Repasade este libro e ide lendo o seguinte, Vémonos mañán de Xosé Monteagudo.

Boas vacacións e pracenteiras lecturas😀😍

Unha xuntanza moi especial

Última xuntanza do Club de lectura inclusiva, un club de escoita exemplar no que mozos e mozas se sentiron moi a gusto. Nesta sesión o alumnado encargado de ler foi o de 3º de ESO do noso club. Participaron con moitas ganas. Ademais, contamos con Irene e Fran que se encargaron de presentar as actividades. E tamén con outras alumnas de Oratoria que nos axudaron en todo momento. Encargáronse de recibir aos compañeiros e compañeiras e ás profesoras do cole e de facerlle uns bonitos debuxos nunhas libretiñas de agasallo. 

Agradecemos a participación de todo este alumnado e esperamos que siga a colaborar con nós.




Despois da lectura e de escoitar algunha canción de Bob Dylan, fomos ao Salón de actos para ver unha representación teatral dirixida pola coordinadora do Club, Teresa, e interpretada polo alumnado de 2º ESO. Representaron Menuda nochecita e fixérono realmente ben.

E, por último, unha merenda na cafetería para compartir uns momentos de lecer. Só nos queda despedirnos ata o próximo curso que xa comezaremos desde o principio con moita forza.