mércores, 22 de novembro de 2023

E ti que contas?

O luns xuntouse o Club de lectura E ti que contas?, na biblioteca do Colexio de Educación Especial. Tocounos falar de Muhammad Ali. Fixemos un percorrido pola súa vida, atendendo especialmente ao empeño que puxo en conseguir os seus soños; tamén, nos gustou a súa loita pola igualdade.

Chegamos á conclusión de que, se realmente queremos conseguir algo, debemos loitar con todas as nosas forzas por conseguilo.

Rematamos a xuntanza coa elaboración dun mural que adornou a biblioteca. Que momentos máis fermosos e especiais vivimos neste Club. E agora a pensar na seguinte lectura. Tamén do mundo do deporte.

venres, 10 de novembro de 2023

Vémonos mañá

Bibiano, Josefina. Que historia! Opinións variadas sobre este libro de Xosé Monteagudo, pero todas coincidiron en que paga a pena coñecer a estes personaxes. Falamos de literatura, pero tamén de historia. Un encontro realmente proveitoso.

A próxima xuntanza será o 30 de novembro e o libro escollido Reencuentro de Fred Uhlman.

mércores, 1 de novembro de 2023

Historias de medo

As historias de medo gustan e o relato da avoa Pacita, contado por Teresa, conseguiu captar a atención dos membros do club que estabamos presentes. Así comezou a xuntanza antes de propor os libros a ler: Aire negro de Agustín Fernández Paz e As mans do medo de Xosé Miranda.

Rematamos con historias de medo contadas polo alumnado. Unha xuntanza que deu moito de si.

Amigos robots

Palabras e ciencia tivo o seu primeiro encontro. Cristina e Vicky quixeron coñecer os gustos litararios do alumnado de 1º e 2º ESO integrante deste club. Despois, presentaron a lectura e fixérono tan ben que seguro que saíron con moitas ganas de ler estes relatos de Isaac Asimov, Amigos robots.