luns, 9 de febreiro de 2026

Mentira, a nova lectura

 Despois da xuntanza, xa temos nas nosas mans a seguinte lectura: Mentira de Caré Santos. Vémonos en marzo! Desfrutade da lectura nestas tardes invernais de treboadas!!!

Micro algas

 O xoves pasado tivemos reunión do Club de lectura. Falamos de Micro Algas de Xulia Pisón.


Comentamos a importancia que teñen estes microorganismos para a natureza e o ser humano e fixemos un cartaz para que todo o centro coñeza as microalgas.


venres, 16 de xaneiro de 2026

1984 no Nadal

  Última xuntanza do ano do Club de lectura de ciencia ficción. Fernando falounos de Orwell e fixo unha introdución ao libro, para situarmos no tema. Moi interesantes os seus comentarios.

Comentouse, máis ou menos, a metade do libro. Inquietante o Gran Irmán e a revisión do pasado. E tamén xurdiu a comparación desa vixianza constante coa nosa vida permanentemente exposta a través dos teléfonos móbiles e das redes sociais.

Resultou unha reunión interesante e deixounos con ganas de afrontar esa última parte do libro que nos queda para despois do Nadal.

luns, 1 de decembro de 2025

Obradoiro de Nadal

 Xa chegou o Nadal á Biblioteca do Castro Alobre. O xoves e o venres tivemos un obradoiro moi divertido da man de Noa Pérez, profe de galego. O alumnado d Club de lectura fixo uns adornos ben bonitos, renos e bonecos de neve,
que servirán para adornar os agasallos de Nadal. Para a semana seguiremos decorando a nosa biblio. Que sorpresas terá este curso a nosa árbore?

Castelao

No ano Castelao, a biblioteca organizou unha visita á exposición Castelao. Mirar por Galicia. O alumnado do Club de lectura e o equipo de correspondentes da radio desfrutaron dunha mañá na cidade da Cultura co obxectivo de afondar na figura de Castelao.