O luns 18 de decembro recibimos na biblioteca do noso centro a escritora Eva Mexuto quen falou da súa obra 22 segundos co alumnado de Bacharelato do noso club de lectura Curuxaina e tamén coas rapazas e rapaces da materia de Igualdade e Imaxe de 1º de Bacharelato.
Da obra destacouse o novidoso da temática : a transexualidade, tratada desde un punto de vista positivo, con valentía pero sen dramatismos. Calificouse como unha novela necesaria e que pode axudar a moita rapazada que se identifique co protagonista.
Acerto do título, eses simbólicos 22 segundos que son a ponte entre o privado e o público, entre o segredo e a difusión valente. Tamén o nome do protagonista, o paso de Xela a Alex, a visión que nos devolve o espello, a identidade.
Foi un encontro no que aprendemos moito da obra: das fontes, do proceso da escrita...
Encantounos coñecer a Eva Mexuto, conversar con ela. Quedamos coa sensación de que o tempo pasou rapidísimo e con moitas ganas de ler a súa próxima novela. Grazas Eva!
Ningún comentario:
Publicar un comentario