domingo, 3 de xuño de 2018

Actividade de liberación de libros no grupo do alumnado de Bacharelato.

Despois da xuntanza do xoves 31 as alumnas de 1º de Bacharelato do club levaron a cabo unha liberación de libros polo centro adiante. Porque pensamos que a obra Todos teriamos que ser feministas ben debía ser lida pola rapazada toda do IES Castro Alobre.

Os libros metéronse en bolsas de plástico que contiñan tamén sobres malvas nos que o/a afortunada/o que atopase o libro podería pór as súas suxestións, recomendacións etc... para a lectora ou lector seguinte. Ademais as bolsas contiñan unha nota plastificada que dicía o seguinte: 



Parabéns!!!!
Acabas de atopar un libro libre! De onde saíu? Do Club de Lectura Curuxaina do IES Castro Alobre. Trátase de crear unha cadea de lectoras e lectores da que, se queres, podes formar parte.
Ti, como o libro, tamén es libre. Podes lelo ou non, levalo ou volvelo soltar... Que nos gustaría a quen levamos a cabo esta iniciativa? Que o leses porque cremos que todo o mundo debería ler unha obra con este título (Todos (e todas dicimos nón) deberiamos ser feministas). E tamén nos gustaría que logo o liberases para que seguise voando. Se o fas así, moitas grazas.
PD: Se queres deixar a túa opinión e/ou identificarte podes escribirlle unha mensaxe ao/á seguinte lector/a e deixarlla no sobre violeta que tes na bolsa. Apertas e goza da lectura.














Ningún comentario:

Publicar un comentario