Hoxe venres, 3 de marzo, tivo lugar a reunión quincenal do club de lectura “O niño da curuxa”, mais esta foi unha sesión un chisco diferente.
Primeiro, o alumnado recolleu no salón de actos os novos exemplares deste segundo trimestre. Puideron escoller entre dúas lecturas: Vampira de bliblioteca de Ledicia Costas ou 22 segundos de Eva Mejuto, ámbalas dúas escritoras galegas que nos achegan historias completamente diferentes, mais igualmente interesantes. Na primeira, Eleonora, unha vampira que se dedica a papar os insectos que queren roer as páxinas dos libros da biblioteca onde vive, conta a apaixonante historia que lle aconteceu nese espazo; mentres que na segunda, Álex, un mozo transexual, relata a súa propia experiencia de cambio de xénero e todos os atrancos sociais que tivo que vivir ata lograr que se aceptase.Con estes dous exemplares aproveitamos para explicar coma no próximo 8 de marzo cómpre non esquecer o papel das escritoras, que moitas veces atópanse invisibilizadas polo canon literario, así coma tamén, despois de repartir os exemplares segundo os seus gustos e intereses, decidimos acudir ao acto que se estaba a celebrar no instituto esta mañá en favor dos dereitos das “mulleres trans” por parte do grupo de diversidades afectivo-sexuais do centro para, deste xeito, comezar a empatizar e a coñecer máis de preto a temática dunha das obras.
Ao rematar o recreo quedamos en vernos aproximadamente en quince días, xuntanza onde contaremos cunha sesión moi especial. Haberá que agardar ata daquela!
Ningún comentario:
Publicar un comentario