Previamente á realización do roteiro d´O xardineiro dos ingleses, desenvolvemos a xuntanza para falar da obra. Comentamos como reflexa a novela a existencia de dúas vilas ben diferenciadas, como influía na vida da vila a chegada dos ingleses e alemáns e de que xeito tan brutal repercutiu o levantamento militar do 36 na historia de Vilagarcía.
Mais esta xuntanza era a miña última como coordinadora, polo que se converteu tamén nunha comida- encontro de despedida.
Moitísimas grazas a todas miñas queridas curuxainas e curuxainos (profesorado e alumnado) por tantos encontros, tantas conversas e tantas lecturas. Foi unha honra coordinar este club de lectura, do que, malia a distancia , quero seguir formando parte. Até sempre!
Sira Vidal.





Estas foron as dúas obras que puxemos en común. As dúas tratan de xeito informal e desenfadado as discriminacións que sufimos as mulleres polo simple feito de selo. Vivimos nunha sociedade machista e patriarcal cunhas ideas preconcibidas sobre as imaxes hexemónicas de xénero. Tópicos e prexuízos que fan moito dano e que son a semente de desigualdades, inxustizas e malos tratos.

