23 de abril! Unha das datas que máis estabamos a esperar no calendario e, como non podía ser doutro xeito, un día de celebración e ledicia para as persoas que formamos o club de lectura “Curuxaina”!
Quedaramos en vernos onde sempre, así que nos xuntamos no salón de actos e alí recibimos un pequeno agasallo personalizado: postais literarias para cada unha das persoas do club. Dentro delas había distintos fragmentos de texto que facían alusión a emblemáticos inicios dalgúns dos libros máis coñecidos na literatura universal, co seu autor e título correspondente. Cadaquén escolleu a súa postal, deixando que o azar fixese o seu efecto e nos permitise descubrir, dunha maneira diferente e orixinal, obras de referencia da literatura universal: Tolkien, García Márquez, Ray Bradbury, Dickens, Palahniuk, J.D. Salinger ou Jane Austen foron algúns dos novos nomes que puidemos coñecer.
Despois de recibir as postais, dirixímonos ao taboleiro que a biblioteca ten no edificio da ESO para construírmos entre todos e todas un pequeno mural co que visibilizar as recomendacións literarias que fixeramos a semana pasada. Cada persoa puxo na cortiza a súa recomendación e alí quedarán expostas para que o resto de alumnado do centro poida coñecer novas lecturas que iniciar!
Ningún comentario:
Publicar un comentario