A sesión deste venres cinco de maio foi bastante rápida, pois o seu obxectivo principal baseábase en repartir as lecturas que estaban pendentes e, deste xeito, poder degustalas nas vindeiras semanas.
As obras que se propuxeron pertencen ámbalas dúas ao xénero da banda deseñada: a primeira delas é a adaptación da novela da escritora galega Berta Dávila, "O derradeiro libro de Emma Olsen",que corre a cargo do debuxante Pablo Prado cunha proposta estética sumamente interesante que merece a pena descubrir, mentres que, a segunda das opcións é o cómic "Subnormal", libro onde se conta a través das viñetas a historia de acoso escolar que sufriu o xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta e que está realizada por Fernando LLor e Miguel Porto.
Os libros que cedemos para a súa lectura son dous cómics actuais, quizais un chisco arriscados pola súa complexidade, mais que foron acollidos con moitas ganas e ilusión e supuxeron todo un reto ao que enfrontarse, coma lectores case adultos que xa son, a todos os membros do club "Curuxaina".
Ademais, aproveitamos a xuntanza para falar un chisco da poeta Xela Arias, poeta homenaxeada proximamente co Día das Letras Galegas 2021, e a que intentaremos achegarnos e honrar cunha actividade que quedamos en argallar ao longo da vindeira semana.
Quedamos en vernos o venres que vén, para ver se somos quen de materializar todas esas ideas que quedaron orbitando en nós e compartir outro rato xuntas e xuntos. Ata daquela!
Ningún comentario:
Publicar un comentario