mércores, 5 de xullo de 2017

O grupo do profesorado de Club de Lectura Curuxaina tamén se despide do curso 2016-17.

Do xeito máis festeiro posible, cunha comida campestre no exterior do instituto despediuse deste curso o grupo A curuxa Sabia. Foi o mércores 21 de xuño nunha xuntanza na que comentou a última obra deste período lectivo: Recursos inhumanos de Pierre Lemaitre.


Os comentarios da obra destacaron a súa dureza,
como a crise e a loita pola supervivencia poden mudar a un ser humano nun contexto onde todo, incluída a explotación está permitido no mundo laboral.



Fíxose unha análise dos personaxes e coincidimos en que é o final da obra quen pon a cada un no seu sitio ao quedar perfectamente claro quen se deixa levar pola corrupción e a falta de moral e que prioriza  a ética sobre o poder.


Até o curso que vén, no que seguiremos compartindo lecturas e encontros!! Boas vacacións!!

Xa non estou aquí de Iria Misa, última lectura do grupo A curuxa noiteira.

O alumnado de 4º ESO e 1º e 2º de Bacharelato do Club de lectura Curuxaina despediuse do curso 2016-17 cunha xuntanza no exterior do instituto o xoves 22 de xuño de dúas a tres da tarde.

A obra a comentar era a novela de Iria Misa , Xa non estou aquí, que, malia a que parte dunha historia real, á maioría da rapazada do grupo parecíalle incríbel .
A soidade, o desamor, a loita por estar á altura d@s iguais na adolescencia ...foron algúns dos temas apuntados como principais. E, en canto as personaxes, a vulnerabilidade da protagonista foi o máis destacado.
Consideración positiva mereceu o cambio de puntos de vista, as diferentes visións das voces narrativas e o feito de incluír entre elas a da propia protagonista desaparecida.

E con esta xuntanza despedímonos até o curso que vén, con máis encontros e máis lecturas! Feliz verán!

Última xuntanza do grupo O niño da curuxa deste curso.

O xoves 22 de xuño tivo lugar no recreo a xuntanza do alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO para comentar a biografía da Premio Nóbel da paz , Malala.
Resultado de imaxes para malala biografíaNon puido ser máis acertada a escolla. A rapazada mostrouse entusiamada coa obra. Chegaron a dicir que debía ser de lectura obrigatoria!!
A loita desta rapaza paquistaní pareceulles incrible pola dignidade, pola valentía, polo que ten de xenerosidade, porque Malala non só reivindica o ensino para ela senón para todas as nenas do mundo e faino nun contexto no que se impón o terror e a senrazón.
A conclusión final foi que o seu Premio Nóbel foi merecidísimo, mais o mellor premio sería vivir nun mundo rexido pola igualdade e a xustiza.
A xuntanza rematou cunhas recomendacións para o verán. Ata o próximo curso, con máis lectura e máis historias que, como a de Malala, han de emocionarnos! Bo verán!