mércores, 15 de maio de 2024

Mentira de Care Santos

 Hoxe o Club Curuxaina reuniuse para falar de Mentira, de Care Santos. Eramos poucas persoas por mor dos exames e dalgunha gripe primaveral; aínda así, podemos asegurar que este libro foi todo un éxito! A historia comeza cunha mentira que esconde outra maior...que cambia a vida de varias persoas...

Non contamos nada máis para non facer " spoiler". Sabemos que Mentira se vai converter nunha das lecturas favoritas do noso centro. De feito, por petición dalguhas persoas imos mercar os outros títulos desta triloxía.

Para finalizar a reunión, propuxémonos ler algunhas das novidades da biblio e poder así, desde o Club, facer unha listaxe de lecturas para o verán... que xa está moi cerca. estade atentas ao blog!

Moito máis que xestos

 Na xuntanza do club E ti que contas? falamos de xestos. Tras a lectura de Pequeños Grandes Gestos en el deporte, falamos da importancia dalgúns deportistas xa non por ter acadado vitorias deportivas, senón por defender os dereitos humanos, a igualdade e rexeitar determinadas imposicións nada democráticas. Tamén falamos deses pequenos grandes xestos que, cada día, facemos nós por mellorar a convivencia e que nos fan sentir mellor persoas.

Despois tiñamos preparado un xogo na que debiamos agrupar os nomes, países, bandeiras, deportes e esas frases que nos recordaban a aportación de cada deportista á convivencia.

Coma sempre, un pracer compartir estes momentos lectores e lúdicos cos nosos compañeiros e compañeiras do Colexio de Educación Especial.


En agosto nos vemos

 En agosto nos vemos, obra que os fillos de Gabriel García Márquez decidiron publicar, foi a lectura compartida nesta xuntanza do club. En xeral, gustou, sobre todo, o primeiro capítulo. Comentouse que algunhas secuencias parecen estar pouco desenvolvidas (como a da filla monxa), atopáronselle semellanzas con Memoria de mis putas tristes e abriuse un debate interesante sobre a decisión de publicar un libro en contra da vontade do escritor (neste caso). tamén falamos da importancia da persoa editora na publicación dun libro.
Despois do intenso debate, xa escollemos a próxima lectura. Nada menos que unha traxedia grega, Medea de Eurípides.