Amosando publicacións coa etiqueta E ti que contas?. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta E ti que contas?. Amosar todas as publicacións

luns, 31 de marzo de 2025

Lendo poesía

 Despois de compartir experiencias do Entroido, o Club E ti que contas? leu poesía. Fran Alonso cos libros O meu gato é un poeta e Poemas birollos para ler cos ollos foi o autor escollido. Ademais, xogaron coas palabras e pasaron un bo rato con esta lectura e as ocurrencias de cada un. 

Finalmente, quedounos claro que temos grandes poetas neste grupo!

mércores, 22 de xaneiro de 2025

Novo ano, nova xuntanza

 Comezamos o ano cunha nova xuntanza do club E ti que contas? Esta vez recibimos aos compañeiros e compañeiras do Colexio de Educación Especial na nosa biblioteca. Falamos das tradicións da Noitevella, de como comezou a toma das uvas, de como o pasaramos. Despois limos un conto. Temos grandes lectores e lectoras!!!

venres, 22 de novembro de 2024

O magosto

 Nova xuntanza do Club "E ti que contas?". Desprazámonos á biblioteca do cole. Esta vez tocounos ler sobre o magosto, esa festa tan arraigada entre nós. Despois de ler e falar de castañas, castiñeiros e soutos, pintamos e coloreamos estes froitos para facer un mural. Encántanos pintar!!

Ademais, tiñan preparada unha sorpresa. Agasalláronnos cun doce de castañas feito polos compañeiros e compañeiras. Estaba riquísimo! Tamén nos explicaron con fotos como elaboraran esta tarta. Seguro que alguén se animará a facela na súa casa.

Como sempre, unha reunión moi agradable. 

venres, 4 de outubro de 2024

De festa en festa

 De festa en festa é o libro que leremos no Club de lectura E ti que contas?, un libro que convida á diversión e, por suposto, a un percorrido por esas festas tradicionais galegas.

Hoxe xuntámonos na nosa biblioteca e presentámonos. Ampliamos o club e hai moitas caras novas!!! Do insti o alumnado de 3º e 4º PDC e do cole a aula azul, gris e branca. Tamén temos unha nova incorporación de profe. Ademais de Encarna, Isa e Lupe, súmase a profe Silvia.

Para a nova xuntanza, leremos a vendima e xa temos algunha que outra canción popular.

venres, 21 de xuño de 2024

E ti que contas?

 Celebramos a última xuntanza deste magnífico Club cunha festiña no Cole de Educación Especial. Desta volta, non lemos pero compartimos uns marabillosos momentos; que diso se trata, tamén, neste Club!

Levámoslle uns agasallos que as alumnas do noso instituron fixeron e elas tiveron, tamén, un bonito ex libris feito no cole. Ademais de persoas lectoras, son tremendamente hábiles.

Agora, a descansar, que en nada xa volvemos😍

mércores, 15 de maio de 2024

Moito máis que xestos

 Na xuntanza do club E ti que contas? falamos de xestos. Tras a lectura de Pequeños Grandes Gestos en el deporte, falamos da importancia dalgúns deportistas xa non por ter acadado vitorias deportivas, senón por defender os dereitos humanos, a igualdade e rexeitar determinadas imposicións nada democráticas. Tamén falamos deses pequenos grandes xestos que, cada día, facemos nós por mellorar a convivencia e que nos fan sentir mellor persoas.

Despois tiñamos preparado un xogo na que debiamos agrupar os nomes, países, bandeiras, deportes e esas frases que nos recordaban a aportación de cada deportista á convivencia.

Coma sempre, un pracer compartir estes momentos lectores e lúdicos cos nosos compañeiros e compañeiras do Colexio de Educación Especial.


martes, 19 de marzo de 2024

Momentos compartidos

 Nova xuntanza do club E ti que contas? Esta vez tocounos ir ao cole a ler sobre Rafa Nadal, xa que este curso están a traballar as Olimpiadas e nós sumámonos ao proxecto. Coma sempre, pasamos un momento moi agradable. Falamos de tenis, viaxamos con Rafa a EEUU, París, Londres, Roma, Australia..., Claudia e Alberto explicáronnos o mural que fixeran na clase e as nosas alumnas mostráronlles unha selección de 10 tenistas (cinco mulleres e cinco homes) con algúns datos que quixeron destacar.

Rematamos a sesión cun xogo no que tiñamos que agrupar pictogramas segundo o deporte que representaban. Agora no cole van facer un mural cos debuxos de Lidia, Alisha, Emily, Sara, Cristina, Emanuella e Nuria.

venres, 26 de xaneiro de 2024

E ti que contas de Pelé?

 Pelé foi o deportista convidado á xuntanza do Club. Falamos de esforzo, de soños cumpridos e por cumprir, de premios, de fútbol. Lemos como se convertiu na estrela que foi e comparamos a súa historia coa de Muhammad Ali, a anterior lectura.

Despois, propuxemos un obradoiro de máscaras, porque se achega o Entroido e non nos volveremos ver ata despois das vacacións cunha nova historia, a de Nadal.

Por certo, tamén nos despedimos de Martín que deixa o cole para ir ao centro con Eles. Seguro que estará moi a gusto nesta nova etapa, aínda que o botaremos de menos. Boa sorte, Martín!

mércores, 22 de novembro de 2023

E ti que contas?

O luns xuntouse o Club de lectura E ti que contas?, na biblioteca do Colexio de Educación Especial. Tocounos falar de Muhammad Ali. Fixemos un percorrido pola súa vida, atendendo especialmente ao empeño que puxo en conseguir os seus soños; tamén, nos gustou a súa loita pola igualdade.

Chegamos á conclusión de que, se realmente queremos conseguir algo, debemos loitar con todas as nosas forzas por conseguilo.

Rematamos a xuntanza coa elaboración dun mural que adornou a biblioteca. Que momentos máis fermosos e especiais vivimos neste Club. E agora a pensar na seguinte lectura. Tamén do mundo do deporte.