venres, 26 de xaneiro de 2024

E ti que contas de Pelé?

 Pelé foi o deportista convidado á xuntanza do Club. Falamos de esforzo, de soños cumpridos e por cumprir, de premios, de fútbol. Lemos como se convertiu na estrela que foi e comparamos a súa historia coa de Muhammad Ali, a anterior lectura.

Despois, propuxemos un obradoiro de máscaras, porque se achega o Entroido e non nos volveremos ver ata despois das vacacións cunha nova historia, a de Nadal.

Por certo, tamén nos despedimos de Martín que deixa o cole para ir ao centro con Eles. Seguro que estará moi a gusto nesta nova etapa, aínda que o botaremos de menos. Boa sorte, Martín!

Os libros-tesouro

 Hoxe, na reunión do Club de lectura, non perdemos nin un minuto. Falamos dos libros-tesouro que temos na biblio e que tivemos a sorte de levar para disfrutar nas vacacións de Nadal. Tamén comentamos a novela El curioso incidente del perro a medianoche de Mark Haddon. Gustou moito esta lectura, tanto que varias nais "roubáronlle" o libro ás súas fillas e fillos e tamén leron esta marabillosa historia, cun narrador que non deixa indiferente a ninguén. 

Rematamos a xuntanza vendo un vídeo que a autora Lorena Conde grabou especialmente para nós. Presentounos Velloucas & Minchas, a novela coa que gañou o premio María Victoria Moreno de novela xuvenil e que imos ler en febreiro. Xa estamos desexando comezar esta nova historia e compartir con ela unha charla sobre o libro na próxima reunión.

mércores, 10 de xaneiro de 2024

Chega o Nadal




Chegou o Nadal e con el a última xuntanza do Club. Houbo merendola e, o máis importante, unha sorpresa!!! Preparamos libros para que o alumnado os levase de vacacións. Na primeira xuntanza do ano saberemos se lle gustou a lectura. A ver que nos contan!