Grazas Héctor, coma sempre!
xoves, 16 de decembro de 2021
Xuntanza con Héctor Cajaraville
Despedindo o ano
Houbo cinema con tres emotivas curtametraxes; houbo reparto de amizade invisible. A rapazada trouxo o seu libro favorito da casa, envolto con moito agarimo 💗💚💜 Houbo para todos os gustos.
xoves, 2 de decembro de 2021
Próximo destino?
De novo o Club fai unha parada na súa viaxe, para comentar as experiencias vividas coas personaxes protagonistas dos seus libros. Unhas experiencias sempre enriquecedoras que irán gardando no seu interior como se dunha maleta se tratase.
Na xuntanza deste xoves, as bandas deseñadas de medo volveron á biblioteca e as lectoras e lectores compartiron con entusiasmo o libro que lles tocara ler. Frankenstein sorprendeu a Lía, Stranger Things deixou pegada en Tiago e Aitana desfrutou cos misterios de Moeche.
Tamén, viaxamos polo mundo, situando eses lugares que fomos percorrendo a través das viñetas deste mes. As chinchetas cravaron destinos variados e diferentes nos que soñamos as historias lidas. Que país foi o máis visitado? Seguro que, se pensades un pouquiño, acertades. A voar esa imaxinación!
xoves, 4 de novembro de 2021
Xuntanza de medo
A súa chegada á Biblioteca levaron unha sorpresa. Atoparon uns paquetiños "de medo". Que podería ser?
Ao final da sesión, Ana explicoulles que podían coller o paquete que máis lles gustase e abrilo. Dentro atopáronse unhas lecturas de medo para a próxima xuntanza.
Vémonos o 2 de decembro!
venres, 15 de outubro de 2021
Comezamos a viaxe
xoves, 7 de outubro de 2021
Buscando aventuras
Que libro escollemos?
Na primeira xuntanza do Club de lectura ofreceremos a posibilidade de escoller entre tres lecturas. Cal será a gañadora?
mércores, 6 de outubro de 2021
Estamos de volta!
Un curso máis iniciamos a nosa andaina con moito ánimo e moitas ganas. O niño da Curuxa comeza a súa actividade cunha reunión na biblioteca este xoves. As novas coordinadoras do Club son Ana (profe de galego) e Teresa (profe de castelán). Moitas grazas por aceptar este reto.
Por certo, queremos agradecer a Raquel o traballo lector do curso pasado. Foi extraordinario! Un tempo complicado no que soubo transmitir o seu gusto pola lectura. Boa sorte no teu destino e esperamos xuntarnos pronto para falar de libros.
luns, 21 de xuño de 2021
Despedida do Club de lectura 2020/2021
Hoxe venres, 18 de xuño, remata a andaina como integrantes do club de lectura “Curuxaina” do IES Castro Alobre ata a próxima edición, polo que quedamos en xuntarnos para despedirnos.
Ao longo deste difícil curso soubemos acubillarnos baixo o resgardo que nos forneceron as páxinas dos diversos libros que fomos coñecendo e, así, sobrelevar de mellor forma a estraña e confusa situación que a pandemia que estamos a vivir xerou en todo canto nos rodea.
Non foi un reto fácil. Con todo, soubemos extraer a esencia que os clubs de lectura achegan e, malia todos os atrancos, conseguimos aprender, rir, descubrir, compartir e soñar cos libros como elemento nuclear da nosa unión.
Levamos connosco, xa para sempre, cada unha das páxinas que coñecemos grazas á lectura, pequenos tesouros que nos axudarán a construír o noso grande universo cultural, algo infranqueable. Quedan moitas historias incribles en cada un dos libros que atoparemos no camiño, agardando a que batamos con eles e as descubramos!
Grazas por todo e por tanto. Ata sempre Curuxain@s!
luns, 31 de maio de 2021
Repartimos as últimas lecturas
Hai tempo que non pasabamos polo blog para contarvos as nosas andainas, mais a actividade do “Curuxaina” non parou en ningún momento! Así que, sen máis preámbulos, aproveitamos esta ocasión para poñervos ao día de todo canto fixemos:
Na última entrada anunciabamos que estabamos a argallar algo para celebrar a Xela Arias, e así foi, pois participamos activamente nun mural colectivo que elaborou o Departamento de Lingua Galega. Nese mural engadimos algunhas mostras da nosa reinterpretación dalgúns dos versos da gran poeta que este ano se homenaxeaba a través de cartolinas con versos dela decorados con imaxes, collages e todo o que Xela inspiraba en nós.Pasado o Día das Letras Galegas as
persoas do “Curuxaina” tivemos outra xuntanza para vernos e onde estivemos a
realizar un test sobre gustos lectores. Nese formulario definiamos as nosas
preferencias lectoras para que a coordinadora do club escollese na biblioteca
do centro cal ía ser a nosa última lectura do curso.