jueves, 29 de junio de 2023

La desconocida

 Última xuntanza do Club do profesorado. O motivo era comentar as nosas impresións sobre La desconocida de Rosa Montero e Olivier Truc. Coincidimos en que era unha historia entretida e que mantiña o interese da persoa lectora. Como, por motivos varios, eramos moi pouquiñas decidimos volver comentar esta lectura en setembro; por iso, nesta entrada non comentaremos nada máis, para non dar pistas.

Iso si! Recordade ler no verán. Repasade este libro e ide lendo o seguinte, Vémonos mañán de Xosé Monteagudo.

Boas vacacións e pracenteiras lecturas😀😍

Unha xuntanza moi especial

Última xuntanza do Club de lectura inclusiva, un club de escoita exemplar no que mozos e mozas se sentiron moi a gusto. Nesta sesión o alumnado encargado de ler foi o de 3º de ESO do noso club. Participaron con moitas ganas. Ademais, contamos con Irene e Fran que se encargaron de presentar as actividades. E tamén con outras alumnas de Oratoria que nos axudaron en todo momento. Encargáronse de recibir aos compañeiros e compañeiras e ás profesoras do cole e de facerlle uns bonitos debuxos nunhas libretiñas de agasallo. 

Agradecemos a participación de todo este alumnado e esperamos que siga a colaborar con nós.




Despois da lectura e de escoitar algunha canción de Bob Dylan, fomos ao Salón de actos para ver unha representación teatral dirixida pola coordinadora do Club, Teresa, e interpretada polo alumnado de 2º ESO. Representaron Menuda nochecita e fixérono realmente ben.

E, por último, unha merenda na cafetería para compartir uns momentos de lecer. Só nos queda despedirnos ata o próximo curso que xa comezaremos desde o principio con moita forza.

miércoles, 31 de mayo de 2023

Xincana literaria

Hoxe o Club de lectura Curuxaina visitou Santiago de Compostela , como actividade de peche deste curso. 

Alí fixemos unha xincana literaria- fotográfica por lugares curiosos de Compostela,  aproveitamos para coñecer  a varios autores e autoras que viviron ou pasearon polas súas rúas, García Lorca, Rosalía de Castro ou Valle- Inclán. Tamén pasamos por algunhas das librarías máis interesantes da cidade. 

Despois deste paseo literario, fixemos unha parada na cafetaría do CGAC, onde falamos das nosas lecturas preferidas. Puidemos comprobar unha vez máis que temos gustos moi diferentes;  libros de poesía, manga, novela de ciencia ficción, libros de astrofísica, pero que todas e todos desfrutamos coa lectura. 

Pásamolo moi ben na saída , aínda que se nos fixo un pouco  curta.


miércoles, 24 de mayo de 2023

Las primas de Aurora Venturini

 Na última xuntanza da Curuxa sabia descubrimos a Aurora Venturini, que escribiu Las primas pasados os oitenta anos. Desde logo, esta lectura non deixou indiferente a ninguén e a linguaxe empregada, en nada "politicamente correcta", levounos a debater a actual pretensión de corrixir os textos dalgúns autores.

É unha lectura de temática dura protagonizada por mulleres con distinto grao de discapacidade, que invita á reflexión: abusos contra as mulleres, prostitución, aborto... Pero, a pesar de todo isto, Aurora Venturini, ás veces, é capaz de provocar un sorriso na persoa lectora coa súa forma de narrar ou, mellor, dito, coa maneira que Yuna é quen de contarnos esta tremenda historia.

Recomendamos esta lectura e xa nos preparamos para a seguinte, La desconocida de Rosa Montero.

miércoles, 10 de mayo de 2023

Picasso 2023

 Nova xuntanza do Club de lectura co Colexio de Educación Especial. Adicamos a lectura a Picasso e aproveitamos para desenvolver a creatividade. O resultado foi marabilloso!

Fixádevos que taboleiro máis bonito temos no corredor.

miércoles, 3 de mayo de 2023

Desconocidos

 Hoxe no club de lectura falamos de Desconocidos de David Lozano, unha novela sobre os perigos que agochan as citas "a cegas". O libro gustou moito, sobre todo polo xiro sorprendente que dá nas últimas páxinas. Despois da charla sobre esta historia tan inquietante, aínda nos deu tempo de montar un par de collages, para animar a máis xente a ler a novela.

Para o mes de maio temos unha lectura de Andrea Maceiras, O que sei do silencio, que tamén toca un tema moi de actualidade, por desgraza, o bullying.

Seguro que será unha lectura moi entretida e interesante.






jueves, 30 de marzo de 2023

O manga chega con forza ao Club

Hoxe, por fin, puidemos reunirnos no Club de Lectura Curuxaina. Non eramos moitos, pero foi unha xuntanza ben interesante e entretida. Falamos de novela gráfica e de manga  e comprobamos que estas lecturas teñen moito éxito entre as curuxainas!


As obras que máis gustaron foron Uzumaki de Junji Ito; Heartstoppers de Alice Oseman e, por suposto, Guardianes de la noche de Koyoharu Otoge.

Como as opinións resultaron moi interesantes, imos facer unha segunda sesión o venres 31 e subir algunhas das críticas ao blog e ao Instagram do grupo.

E para que non falte lectura para os próximos días de descanso, acabamos de repartindo o novo libro, Desconocidos, de Diego Lozano do que falaremos o vindeiro mes.



miércoles, 8 de marzo de 2023

Ons

 Nova xuntanza do Club para falar de Ons. A rapazada manifestou diferentes opinións sobre o libro e foi contestando a unha serie de preguntas para intentar abrir un pequeno debate. 
Só nos faltou coller o barco e achegarnos á illa. Farémolo algún día?

Rematado o debate, tocou escoller a próxima lectura: novela gráfica e manga. Proposta moi interesante.

A cebra Camila

 A cebra Camila foi a lectura escollida para unha xuntanza moi especial. O alumnado de 3º PDC contoulles esta historia ao alumnado do Colexio de Educación Especial, mentras lle ían poñendo todas aquelas cousiñas que facían á cebra diferente e moi especial.

Xa tiñamos moitas ganas de retomar estas xuntanzas suspendidas por mor da Covid. Esta foi a sesión de inauguración, pero haberá máis.


jueves, 26 de enero de 2023

Nova xuntanza

A última reunión do Club de lectura foi intensa xa que tiñamos moitos libros dos que falar.

Por unha banda, comentamos os libros de medo e misterio: La maldición de Banshee acadou moi boas críticas, xunto con Los mejores relatos de terror llevados al cine e La profecía del abad negro.

Pola outra, falamos dos libros que levamos nas vacacións de Nadal escollidos na biblioteca polos integrantes do club. Todos resultaron moi axeitados.

Por último, tocou repartir a próxima lectura: Ons de Carlos Meixide. temos moitas ganas de adentrarnos nesta historia que se desenvolve tan cerca da nosa vila e nun lugar dos máis fermosos de Galicia.

Vémonos nun mes e xa vos contamos que nos pareceu!