venres, 29 de xaneiro de 2021

Imos ler banda deseñada!

    Este venres, 29 de xaneiro, as persoas integrantes do club de lectura reunímonos no salón de actos para ler e analizar o poema da alumna Marina Montenegro, a quen convidaremos á próxima sesión para que nos conte e explique como levou a cabo o proceso creativo que xira arredor do seu poema “Derradeiro adeus”. 

    Ademais, aproveitamos para repartir as primeiras lecturas deste segundo trimestre. Despois de explicarlles as características de cada un dos libros, escolleron cal prefería ler cadaquén e fixamos a próxima xuntanza para comentalos. 

    Os dous libros que se ofreceron son ámbolos dous bandas deseñadas en galego. Por unha parte está “A proba da auga” de Anémona de Río, un atractivo manga en galego que espertou o interese de gran parte do alumnado do club mentres que, por outra parte, tamén ofrecemos a posibilidade de escoller “O inferno do debuxante” de Kiko Da Silva, onde se xoga con referencias clásicas do universo do cómic e que tamén causou gran curiosidade neles e nelas. 


Agardamos, coma sempre, que as lecturas sexan do seu agrado e que na próxima xuntanza saian reflexións interesantes arredor destes dous libros. De seguro que si. Vémonos en quince días!



venres, 22 de xaneiro de 2021

Agasallos do Apalpador

 O pasado venres 15 de xaneiro as persoas integrantes do club de lectura “O niño da curuxa” xuntámonos no salón de actos do instituto para recoller os agasallos que o apalpador deixara para nós neste Nadal. Como non podía ser doutra maneira deixounos un libro, concretamente a historia en banda deseñada de “Elisa e Marcela” que editou o Consello da Cultura Galega no xa pasado 2020. A autora desta bd é Xulia Vicente, quen sinala que Elisa e Marcela, as protagonistas, son “dúas mulleres cuxa peculiar historia foi reconstruída a partir de documentos oficiais e de extractos de xornais, moitas veces con testemuñas de difícil comprobación. [...] Esta banda deseñada ten a intención de divulgar e visibilizar a vida destas mulleres, pero nunca debe tomarse como unha versión cen por cen fiel á historia”.

Ademais, no agasallo tamén aparecía un marcapáxinas contra a violencia de xénero, para que poidamos sinalar onde deixamos as nosas lecturas mentres non as rematamos sen esquecer a importancia do que o 25N significa. Por último, o agasallo contiña un sobre co poema “Derradeiro adeus” de Marina Montenegro, alumna do instituto e recente gañadora dun dos premios do III Certame de Poesía Torre de Caldaloba, a quen pediremos que nos acompañe nunha das vindeiras sesións para podermos coñecer todo o proceso creativo que rodea a súa creación persoal.