martes, 3 de xullo de 2018

Última xuntanza e despedida do grupo do profesorado do Club de Lectura Curuxaina.

Previamente á realización do roteiro d´O xardineiro dos ingleses, desenvolvemos a xuntanza para falar da obra. Comentamos como reflexa a novela a existencia de dúas vilas ben diferenciadas, como influía na vida da vila a chegada dos ingleses e alemáns e de que xeito tan brutal repercutiu o levantamento militar do 36 na historia de Vilagarcía. 


Mais esta xuntanza era  a miña última  como coordinadora, polo que se converteu tamén nunha comida- encontro de despedida.

Moitísimas grazas a todas miñas queridas curuxainas e curuxainos (profesorado e alumnado) por tantos encontros, tantas conversas e tantas lecturas. Foi unha honra coordinar este club de lectura, do que, malia a distancia , quero seguir formando parte. Até sempre!
Sira Vidal.


O grupo do profesorado (xunto co do IES Sánchez Cantón de Pontevedra) rematou a súa actividade neste curso cun roteiro sobre a novela O xardineiro dos ingleses, guiado polo autor Marcos Calveiro.

O pasado mércores 30 de maio o grupo do profesorado do noso Club de Lectura Curuxaina,  xunto co grupo do profesorado do Club de Lectura do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, realizou un percorrido polas rúas de Vilagarcía seguindo os pasos de Delia Cores e Edelmiro, protagonistas da novela O xardineiro dos ingleses de Marcos Calveiro quen actuou de guía.

Partimos da Ravella, lembrando os feitos da novela que acontecen no concello vencellados ao levantamento militar.
Achegámonos ao edificio onde antes estaba o Varietés, salón ben citado na obra. E a partir de aí fomos achegándonos ao Ateneo, a Aduana, a Consignataria.....nun traxecto no que ademais dos personaxes de ficción como os xa citados ou como Modesto Filgueira (trasunto literario do propio Calveiro) saíron tamén personaxes reais que aparecen na novela , como Sorolla, Lorca ou Plácido Castro.

O roteiro rematou coa sinatura das obras e cunha foto do grupo participante, os clubs de lectura do profesorado do IES Castro Alobre de Vilagarcía e do IES Sánchez Cantón de Pontevedra.

domingo, 3 de xuño de 2018

Actividade de liberación de libros no grupo do alumnado de Bacharelato.

Despois da xuntanza do xoves 31 as alumnas de 1º de Bacharelato do club levaron a cabo unha liberación de libros polo centro adiante. Porque pensamos que a obra Todos teriamos que ser feministas ben debía ser lida pola rapazada toda do IES Castro Alobre.

Os libros metéronse en bolsas de plástico que contiñan tamén sobres malvas nos que o/a afortunada/o que atopase o libro podería pór as súas suxestións, recomendacións etc... para a lectora ou lector seguinte. Ademais as bolsas contiñan unha nota plastificada que dicía o seguinte: 



Parabéns!!!!
Acabas de atopar un libro libre! De onde saíu? Do Club de Lectura Curuxaina do IES Castro Alobre. Trátase de crear unha cadea de lectoras e lectores da que, se queres, podes formar parte.
Ti, como o libro, tamén es libre. Podes lelo ou non, levalo ou volvelo soltar... Que nos gustaría a quen levamos a cabo esta iniciativa? Que o leses porque cremos que todo o mundo debería ler unha obra con este título (Todos (e todas dicimos nón) deberiamos ser feministas). E tamén nos gustaría que logo o liberases para que seguise voando. Se o fas así, moitas grazas.
PD: Se queres deixar a túa opinión e/ou identificarte podes escribirlle unha mensaxe ao/á seguinte lector/a e deixarlla no sobre violeta que tes na bolsa. Apertas e goza da lectura.














O grupo de Bacharelato do club Curuxaina ten a súa última xuntanza do curso.

O grupo de Bacharelato reuniuse tamén o xoves 31 de maio, xa sen o alumnado de segundo que está volcado na preparación do ABAU. A este alumnado xa se lle transmitiu o recoñecemento e agradecemento por ter participado tan activamente no club durante este curso. Moit@s delas e deles leron incluso algunhas das dúas obras propostas , pero foilles imposible vir á xuntanza.

Todos teriamos que ser feministas Estas foron as dúas obras que puxemos en común. As dúas tratan de xeito informal e desenfadado as discriminacións que sufimos as mulleres polo simple feito de selo. Vivimos nunha sociedade machista e patriarcal cunhas ideas preconcibidas sobre as imaxes hexemónicas de xénero. Tópicos e prexuízos que fan moito dano e que son a semente de desigualdades, inxustizas e malos tratos.
Se ben afirmamos que teñen moito en común o que as diferencia basicamente é o punto de vista : a realidade da muller en Nixeria onde que consiga estudar é un milagre no casa da obra de Chimamanda Ngozi e a vida dunha actriz famosa e feminista no estado español que toma conciencia e denuncia as situacións de machismo que ten vivido, ao tempo que nos fornece de moita bibliografía sobre femonismo dunha forma sinxela e moi dinámica.
Moi recomendables calquera das dúas obras. E con elas pomos fin a un curso intenso no que este grupo estivo enfocado ao tema da igualdade de xénero e á diversidade afectivo-sexual, Quixemos deste xeito contribuír ao Proxecto Coeducativo de Centro que puxemos en marcha o curso pasado.

venres, 1 de xuño de 2018

Última xuntanza do grupo de ESO do club de lectura.

a señorita bubble (gallego)-ledicia costas-9788491212546O pasado xoves 31 de maio reuniuse o alumnado de ESO para comentar dúas obras de Ledicia Costa

A señorita Bubble  gustou moito e foi calificada como divertida, imaxinativa e moi entretida. As malvadas profes, animalizadas como a Caniche e a Buldog parecéronlle á rapazada unhas patéticas personaxes que contrastaban coa xenial protagonista: a inventora, mecánica...señorita Bubble. Ás nenas Sofi e Noa non lles queda outra que someterse ao mandado da súa nai , do seu pai e desas profes que non entenden á señorita Bubble.

Foi moi aplaudida a idea fantástica de que puidese existir unha leira na que nacesen bastóns de caramelo ou unha máquina de facer bolas con sorrisos dentro.

Recomendada, pois, queda esta obra que de xeito merecido vén de acadar o Premio de Literatura Xuvenil na Gala do Libro de Galicia.

A outra obra que se comentou foi Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.Resultado de imaxes para Jules Verne e a vida secreta
Tamén se eloxiou nela a fantasía da autora, pero ademais foi valorado como moi positivo que partise dun feito real: a visita a Vigo de Jules Verne que moitas e moitos non coñecían.
Moi recomendable tamén esta obra.

E así despedimos neste grupo o club de lectura por este curso. Facendo un balance  moi positivo da implicación e tamén da actitude das e dos participantes. Moitas grazas rapazas e rapaces e seguide compartindo lecturas e afectos.

sábado, 21 de abril de 2018

O noso club Curuxaina participou no I Encontro de clubs de lectura do Salón do Libro de Pontevedra.

  


Mulleres de conto é o título deste ano do Salón do libro Infantil e Xuvenil no que o pasado venres 13 de abril se celebrou o I Encontro de clubs de Lectura e o alumnado do noso club, tanto de ESO como de Bacharelato participaron nel.




Comezou o encontro cun marabilloso concerto de  Canela Cafuné, que ademais de música convidáronnos a reflexionar sobre cal é a situación das mulleres na loita pola igualdade. Con Marta e Eric cantamos o tema de Sés "Non son fada nen princesa".




O encontro continuo cunha gymkana literaria, 30 minutos con cada un/unha d@s seguintes autor@s: María Reimóndez  (a muller e o deporte), Ledicia Costas ( a nosa querida Escarlatina), Fran Alonso ( cos seus "Street Poems"), Tamara Andrés (versos desde Antiochia) e Anxo Fariña (a ilustración dos Megatoxos). Foi unha actividade marabillosamente valorada polo alumnado, polo variado dos obradoiros e pola ilusión que lles fixo a conversas cos est@s autor@s.Tamén resaltaron o moito que lles gustou a relación e  e intercambio coa rapazada doutros clubs







 E rematamos a xornada coa visita ao Salón do Libro onde puidemos admirar tanto a fantástica decoración do espazo como a variada exposición dos centros de ensino na que admiramos o traballo e a creatividade do profesorado e alumnado participante. Xa na viaxe de volta lembramos a experiencia vivida á vez que se manifestaba o desexo de volver o curso que vén.
O noso agradecemento a quen fai posible o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, especialmente a Eva Mexuto e Anxos Rial pola súa acollida.




venres, 13 de abril de 2018

Todos teriamos que ser feministas e Morder la manzana últimas lecturas do curso para o alumnado de Bacharelato.

Imaxe relacionadaRematamos o curso deste grupo do club de lectura que quixemos que fose coeducativo con dúas obras que falan de feminismo,de igualdade e, en definitiva, de xustiza e igualdade.
Resultado de imaxes para todos teriamos ser feministas

O luns 9 de abril o alumnado de bacharelato falou de Luns de Eli Ríos

O drama da enfermidade, do maltrato, da inxustiza, da violencia de xénero, da morte....e fronte a el, unha muller; Nere que representa a dignidade e a valentía. Houbo acordo en sinalar os temas e tamén en caracterizar a protagonista. Coincidencia tamén en que non é unha novela amable senón que revolve e houbo que apuntou que incluso asfixia.
De Luns valoramos o acertado do título pola importancia que este día ten na obra, día difícil que marca o comezo da fin, o inicio dunha nova vida que se resiste a deixar a rutina. 
Comentouse tamén o estilo acorde co contido porque é esa forma de contar tan directa, tan de dentro, con palabras que pertencen a mente e ao corazón a que contribúe a expresar da mellor maneira o que sente a protagonista. Sen concesións nin no final da novela que foi calificado polo alumnado como demasiado dramático incluso cruel. Moit@s manifestaron que a protagonista non merecía ese desenlace.
En resumo, unha obra dura e tráxica como é ás veces a vida, que conta unha historia de inxustiza e desigualdade como tantas veces son as historias que teñen a unha muller como protagonista.



martes, 10 de abril de 2018

O xardineiro dos ingleses, nova obra para o grupo do profesorado.

 


E para rematar coas sesións do club de lectura deste curso propoñemos unha obra que nos levará por distintas épocas e lugares de Vilagarcía,a cidade á que chegaron os ingleses e a nosa cidade,a do noso centro.O noso obxectivo é relizar un roteiro co autor,Marcos Calveiro, polos espazos da novela como complemento da lectura da mesma e despois da habitual xuntanza para comentala.

Xuntanza do grupo do profesorado para comentar a obra Fariña.

O xoves 5 de abril  xuntámonos o grupo do profesorado para falar, despois dunha comida na cafetaría do centro, da obra Fariña de Nacho Carretero.
A maioría do profesorado do club é ou vive en Vilagarcía polo que tamén coñece de primeira man os acontecementos e incluso algúns dos personaxes que se citan na obra. Un a un fomos repasando os episodios: a aceptación e permisividade por parte da sociedade do contrabando de tabaco, o horror do tráfico de droga para a cidade e a comarca, o valor das nais contra a droga etc...
Da obra destacamos o enorme traballo de investigación e , malia que como xa se indicou, os feitos principais xa eran coñecidos pola maioría sorprenden os datos: as inmensas cantidades de droga coa que se traficaba e as inxentes cifras que recadaban os narcos . Tamén nos sorprendeu os estreitos lazos cos carteles colombianos e incluso coa mafia siciliana. Un complexo entramado internacional no que desgraciadamente Vilagarcía tiña un papel protagonista.

Fariña unha obra necesaria para coñecer a verdade dunha realidade que non debe repetirse, unha obra que merece ser lida e, por suposto, publicada.

venres, 30 de marzo de 2018

A señorita Bubble e Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, próximas lecturas do alumnado da ESO.

a señorita bubble (gallego)-ledicia costas-9788491212546jules verne e a vida secreta das mulleres planta-ledicia costas-9788491210702 


Nesta ocasión escollemos dúas obras distintas, aínda que da mesma autora, para o grupo  da ESO. O alumnado de 1º e 2º lerá A señorita Bubble e o de 3º e 4º Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Escollemos estas obras pensando no encontro que teremos no Salón do Libro de Pontevedra coa súa autora: Ledicia Costas.