venres, 23 de abril de 2021

O Club festexa o Día do Libro

23 de abril! Unha das datas que máis estabamos a esperar no calendario e, como non podía ser doutro xeito, un día de celebración e ledicia para as persoas que formamos o club de lectura “Curuxaina”!

Quedaramos en vernos onde sempre, así que nos xuntamos no salón de actos e alí recibimos un pequeno agasallo personalizado: postais literarias para cada unha das persoas do club. Dentro delas había distintos fragmentos de texto que facían alusión a emblemáticos inicios dalgúns dos libros máis coñecidos na literatura universal, co seu autor e título correspondente. Cadaquén escolleu a súa postal, deixando que o azar fixese o seu efecto e nos permitise descubrir, dunha maneira diferente e orixinal, obras de referencia da literatura universal: Tolkien, García Márquez, Ray Bradbury, Dickens, Palahniuk, J.D. Salinger ou Jane Austen foron algúns dos novos nomes que puidemos coñecer.

Despois de recibir as postais, dirixímonos ao taboleiro que a biblioteca ten no edificio da ESO para construírmos entre todos e todas un pequeno mural co que visibilizar as recomendacións literarias que fixeramos a semana pasada. Cada persoa puxo na cortiza a súa recomendación e alí quedarán expostas para que o resto de alumnado do centro poida coñecer novas lecturas que iniciar!

Foi un día moi especial no que compartimos o noso amor pola literatura e intentamos achegalo a todas as demais persoas do centro para que elas tamén o poidan experimentar.

Quedamos en vernos nun par de semanas para devorar as seguintes obras que aínda están por vir!

venres, 16 de abril de 2021

Seguimos a andaina

Este venres, 16 de abril, tivemos a primeira xuntanza do terceiro trimestre todas as persoas que somos membros do club de lectura “Curuxaina”. Durante o noso breve encontro aproveitamos para comentar as dúas lecturas que tiñamos pendentes: Vampira de blibloteca de Ledicia Costas e 22 segundos de Eva Mejuto. En xeral, ámbalas obras gustaron moito e destacáronse delas aspectos como o emprego do humor, a súa orixinal trama ou como consegue atrapar ao lector/a desde as primeiras páxinas na obra de Ledicia Costas, mentres que da segunda, a obra de Eva Mejuto, sinaláronse cuestións como a importancia de dar a coñecer ese tipo de historias, para fomentar a empatía con todas as persoas que poden estar a pasar por tránsitos por veces tan dolorosos socialmente como o que lle ocorre ao protagonista do libro.

Ademais, aproveitamos para cubrir un pequeno formulario onde explicamos cal é o noso libro favorito e por que recomendariamos a súa lectura. Desta última actividade non podemos adiantar moito máis, pois ten que ver con algo que estamos argallando para o próximo venres, 23 de abril, data na que se conmemora internacionalmente o “Día do libro” e día que xa temos reservado desde o club de lectura para festexar todas e todos xuntos. Agardamos desde xa a próxima xuntanza, pois xa adiantamos que virá cargada de sorpresas e celebracións!