luns, 31 de maio de 2021

Repartimos as últimas lecturas

Hai tempo que non pasabamos polo blog para contarvos as nosas andainas, mais a actividade do “Curuxaina” non parou en ningún momento! Así que, sen máis preámbulos, aproveitamos esta ocasión para poñervos ao día de todo canto fixemos:

Na última entrada anunciabamos que estabamos a argallar algo para celebrar a Xela Arias, e así foi, pois participamos activamente nun mural colectivo que elaborou o Departamento de Lingua Galega. Nese mural engadimos algunhas mostras da nosa reinterpretación dalgúns dos versos da gran poeta que este ano se homenaxeaba a través de cartolinas con versos dela decorados con imaxes, collages e todo o que Xela inspiraba en nós.

Pasado o Día das Letras Galegas as persoas do “Curuxaina” tivemos outra xuntanza para vernos e onde estivemos a realizar un test sobre gustos lectores. Nese formulario definiamos as nosas preferencias lectoras para que a coordinadora do club escollese na biblioteca do centro cal ía ser a nosa última lectura do curso.

Finalmente, a nosa última reunión ata o momento tivo lugar o pasado venres. Alí fíxosenos entrega a cadaquén dun libro diferente que pretendía atinar cos gustos definidos no test que previamente fixeramos. Foi unha xuntanza moi divertida, porque se descubriron obras que foron acollidas con moito gusto polos participantes, todas elas comparten a premisa de seren bandas deseñadas, pois foi o xénero no que máis nos adentramos este curso ademais de que o ritmo de exames e traballos destas últimas lecturas de curso non permiten deternos en lecturas excesivamente longas... esas hai que reservalas para o verán! Tamén aproveitamos para ir devolvendo e comentando os nosos pareceres sobre os libros anteriores (Subnormal e O derradeiro libro de Emma Olsen) e quedamos en vernos nunhas semanas xa para pechar este estupendo curso no que lemos e aprendemos xuntos e xuntas. Ata daquela!


domingo, 9 de maio de 2021

Nova proposta: banda deseñada

A sesión deste venres cinco de maio foi bastante rápida, pois o seu obxectivo principal baseábase en repartir as lecturas que estaban pendentes e, deste xeito, poder degustalas nas vindeiras semanas.

As obras que se propuxeron pertencen ámbalas dúas ao xénero da banda deseñada: a primeira delas é a adaptación da novela da escritora galega Berta Dávila, "O derradeiro libro de Emma Olsen",que corre a cargo do debuxante Pablo Prado cunha proposta estética sumamente interesante que merece a pena descubrir, mentres que, a segunda das opcións é o cómic "Subnormal", libro onde se conta a través das viñetas a historia de acoso escolar que sufriu o xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta e que está realizada por Fernando LLor e Miguel Porto.

Os libros que cedemos para a súa lectura son dous cómics actuais, quizais un chisco arriscados pola súa complexidade, mais que foron acollidos con moitas ganas e ilusión e supuxeron todo un reto ao que enfrontarse, coma lectores case adultos que xa son, a todos os membros do club "Curuxaina".

Ademais, aproveitamos a xuntanza para falar un chisco da poeta Xela Arias, poeta homenaxeada proximamente co Día das Letras Galegas 2021, e a que intentaremos achegarnos e honrar cunha actividade que quedamos en argallar ao longo da vindeira semana.

Quedamos en vernos o venres que vén, para ver se somos quen de materializar todas esas ideas que quedaron orbitando en nós e compartir outro rato xuntas e xuntos. Ata daquela!