venres, 12 de xaneiro de 2018

Laura no deserto e Cárcere de Ventas, próximas lecturas do grupo do profesorado.


Resultado de imagen de Laura no deserto

Dúas obras vencelladas porque versan sobre a inmensa figura de Mercedes Núñez, un ser humano excepcional que estivo presa no cárcere de Ventas e logo nun campo de concentración nazi. A súa obra autobiográfica que conta as vivencias no presidio madrileño publicada pola colección Mulleres de A Nosa Terra será a nosa próxima lectura:

Cárcere de Ventas
Ademais leremos a marabillosa novela que converte a Mercedes Núñez nun personaxe de ficción: Laura no deserto de Antón Riveiro Coello, con quen conversaremos na nosa próxima xuntanza.

Reunión do grupo do profesorado para comentar El bar de las grandes esperanzas.

O mércores 11 de xaneiro realizamos o grupo do profesorado do club de lectura a primeira xuntanza do 2018. A obra a comentar era El bar de las grandes esperanzas de J. R. Moehringer.


Trátase dunha obra autobiogáfica que percorre a traxectoria vital de J.R, , da infancia á madurez. A carga pesada da masculinidade, o maltrato ás mulleres, a violencia, a discriminación... son temas da novela.
Son moitos os personaxes que rodean ao protagonista e o axudan a medrar, a loitar e a equivocarse, pero é un,  o espazo clave: o bar que se converte no mundo, no refuxio, no lugar ao que volver sempre.

Na xuntanza destacáronse como cualidades da obra o ben que estaba escrita, a humanidade e empatía que desprende e a sinceridade, valentía e honestidade coas que está contada a historia. Como aspectos negativos o excesivo dalgunhas descricións e o peso da realidade americana tan hiperbólica que chega a parecer inverosímil: a dependencia do alcohol, as apostas, a obsesión polo rugbi e o fútbol americano.

As referencias literarias, de Joyce a Lorca enriquecen a novela e na reunión valoráronse como un dos acertos da obra. Sen dúbida unha lectura moi recomendable malia aos inconvenientes apuntados.

domingo, 7 de xaneiro de 2018

Ceiba de luz de Manuel Lourenzo González, próxima obra do grupo de ESO.

Coa obra que gañou no 2017 o premio Jules Verne da editorrial Xerais imos comezar os encontros do segundo trimestre.
Xa se repartiron os exemplares da obra entre o alumnado e cando a lean tod@s teremos o noso encontro para comentala.

Encontro con Hector Cajaraville do alumnado de ESO.

Os membros do grupo de ESO do noso club de lectura Curuxaina rematamos o primeiro trimestre da mellor forma posible: cun encontro con Hector Cajaraville a propósito da súa obra A caixiña dos rancores.

Amizade, soidade, o drama dos bebés roubados, o perdón....moitos son os temas da obra e moitas tamén as preguntas que rapazas e rapaces lle fixeron ao autor. Preguntas e obsevacións, como a forma de transcribir os watshapps, a personalidade dalgúns personaxes, o espazo.....




As críticas foron construtivas e moi positivas porque a obra gustou moito e o tema principal, malia a ser tremendamente dramático resólvese cun final reparador.

Ao final tod@s coincidimos no moito que enriquecen estes encontros as lecturas das obras. Moitas grazas Hector!

El diario azul de Carlota, próxima lectura do alumnado de Bacharelato.

Iniciaremos a segunda avaliación coa lectura desta obra, seguindo coa temática de  igualdade de xénero. Neste caso, o tema principal serán os malos tratos, a violencia de xénero.

Deste xeito desde o club de lectura queremos contribuír a pór en práctica o plan coeducativo que elaboramos no curso pasado.

O grupo de Bacharelato rematou o primeiro trimestre cun encontro con Eva Mexuto, autora de 22 segundos.

O luns 18 de decembro recibimos na biblioteca do noso centro a  escritora Eva Mexuto quen falou da súa obra 22 segundos co alumnado de Bacharelato do noso club de lectura Curuxaina e tamén coas rapazas e rapaces da materia de Igualdade e Imaxe de 1º de Bacharelato.

Da obra destacouse o novidoso da temática : a transexualidade, tratada desde un punto de vista positivo, con valentía pero sen dramatismos. Calificouse como unha novela necesaria e que pode axudar a moita rapazada que se identifique co protagonista.

Acerto do título, eses simbólicos 22 segundos que son a ponte entre o privado e o público, entre o segredo e a difusión valente. Tamén o nome do protagonista, o paso de Xela a Alex, a visión que nos devolve o espello, a identidade.



Foi un encontro no que aprendemos moito da obra: das fontes, do proceso da escrita...
Encantounos coñecer a Eva Mexuto, conversar con ela. Quedamos coa sensación de que o tempo pasou rapidísimo e con moitas ganas de ler a súa próxima novela. Grazas Eva!