xoves, 2 de febreiro de 2017

Próximas obras do grupo do profesorado do club de lectura Curuxaina.

Todo isto che darei de Dolores Redondo será a próxima obra a comentar polo grupo do profesorado do club de lectura Curuxaina.




A xuntanza será o mércores 29 de marzo pola tarde.



Ademais imos falar tamén da obra A inocencia castigada de María de Zayas, escritora española do século XVII que tratou nas súas novelas a situación da muller e a educación castradora que recibía na súa época. Cremos que é unha autora que merece a pena visibilizar.

mércores, 1 de febreiro de 2017

O grupo A curuxa noiteira inicia a lectura de Males de cabeza

Este luns 30  de xaneiro reuniuse o alumnado de 4º de ESO e 1º e 2º Bach. do club de lectura para o reparto de exemplares de Males de cabeza de Fran Alonso, obra que comentaremos na próxima reunión que quedou fixada para o martes 28 de marzo ás 3 da tarde na cafetaría do centro.



Despois de dúas novelas (A dúbida e Dez negriños) e do poemario Masculino singular , decantámonos esta vez por un libro de relatos (algúns microrrelatos) que de seguro vai ser unha oportunidade  para falar de temas ben interesantes como a loucura, a depresión, os ciumes , a angustia....Na ficha da editorial lemos unha reseña que convida con forza á lectura:

Males de cabeza deita unha ollada sobre a condición humana na que o autor nos sorprende, ás veces con tenrura, ás veces con dureza, coa súa persoalísima escrita, a través dunha narrativa áxil e dunha estructura de grande orixinalidade. Da man de diversos personaxes cos que sen dúbida ningunha acabaremos identificándonos, Fran Alonso ofrécenos unha visión propia e moderna da tolemia, desa tolemia próxima e contemporánea que a todos nos roza.