venres, 5 de marzo de 2021

Lectura e reivindicación

 Hoxe venres, 3 de marzo, tivo lugar a reunión quincenal do club de lectura “O niño da curuxa”, mais esta foi unha sesión un chisco diferente.

Primeiro, o alumnado recolleu no salón de actos os novos exemplares deste segundo trimestre. Puideron escoller entre dúas lecturas: Vampira de bliblioteca de Ledicia Costas ou 22 segundos de Eva Mejuto, ámbalas dúas escritoras galegas que nos achegan historias completamente diferentes, mais igualmente interesantesNa primeira, Eleonora, unha vampira que se dedica a papar os insectos que queren roer as páxinas dos libros da biblioteca onde vive, conta a apaixonante historia que lle aconteceu nese espazo; mentres que na segunda, Álex, un mozo transexual, relata a súa propia experiencia de cambio de xénero e todos os atrancos sociais que tivo que vivir ata lograr que se aceptase.

Con estes dous exemplares aproveitamos para explicar coma no próximo 8 de marzo cómpre non esquecer o papel das escritoras, que moitas veces atópanse invisibilizadas polo canon literario, así coma tamén, despois de repartir os exemplares segundo os seus gustos e intereses, decidimos acudir ao acto que se estaba a celebrar no instituto esta mañá en favor  dos dereitos das “mulleres trans” por parte do grupo de diversidades afectivo-sexuais do centro para, deste xeito, comezar a empatizar e a coñecer máis de preto a temáticdunha das obras.

Ao rematar o recreo quedamos en vernos aproximadamente en quince díasxuntanza onde contaremos cunha sesión moi especial. Haberá que agardar ata daquela!

venres, 19 de febreiro de 2021

UNHA SESIÓN POÉTICA

Este venres, 19 de febreiro, tivemos unha sesión ben especial no club de lectura, pois contamos coa compaña de Marina Montenegro, alumna do centro e recente gañadora do III Certame de Poesía Torre de Caldaloba, quen se prestou amablemente a acompañarnos para conversar connosco arredor do proceso de elaboración do seu premiado "Derradeiro adeus". Falounos das súas fontes de inspiración, de cando comezou o seu interese pola escrita, do porqué de determinadas escollas estilísticas na composición, etc. O certo é que foi unha conversa moi amena da que quedamos con gañas de máis!

Tamén, xa que a semana que vén se festexa o "Día de Rosalía de Castro", o alumnado do club de lectura "O niño da Curuxa" recibiu cadanseu poema da nosa escritora máis ilustre para que celebren o 24 de febreiro lendo e desfrutando con algúns dos seus versos.
Xa temos gañas de que chegue a seguinte sesión en quince días! Nela repartiremos os novos exemplares deste segundo trimestre e poremos en común todas as aprendizaxes e impresións das lecturas anteriores. Ata daquela!

venres, 29 de xaneiro de 2021

Imos ler banda deseñada!

    Este venres, 29 de xaneiro, as persoas integrantes do club de lectura reunímonos no salón de actos para ler e analizar o poema da alumna Marina Montenegro, a quen convidaremos á próxima sesión para que nos conte e explique como levou a cabo o proceso creativo que xira arredor do seu poema “Derradeiro adeus”. 

    Ademais, aproveitamos para repartir as primeiras lecturas deste segundo trimestre. Despois de explicarlles as características de cada un dos libros, escolleron cal prefería ler cadaquén e fixamos a próxima xuntanza para comentalos. 

    Os dous libros que se ofreceron son ámbolos dous bandas deseñadas en galego. Por unha parte está “A proba da auga” de Anémona de Río, un atractivo manga en galego que espertou o interese de gran parte do alumnado do club mentres que, por outra parte, tamén ofrecemos a posibilidade de escoller “O inferno do debuxante” de Kiko Da Silva, onde se xoga con referencias clásicas do universo do cómic e que tamén causou gran curiosidade neles e nelas. 


Agardamos, coma sempre, que as lecturas sexan do seu agrado e que na próxima xuntanza saian reflexións interesantes arredor destes dous libros. De seguro que si. Vémonos en quince días!



venres, 22 de xaneiro de 2021

Agasallos do Apalpador

 O pasado venres 15 de xaneiro as persoas integrantes do club de lectura “O niño da curuxa” xuntámonos no salón de actos do instituto para recoller os agasallos que o apalpador deixara para nós neste Nadal. Como non podía ser doutra maneira deixounos un libro, concretamente a historia en banda deseñada de “Elisa e Marcela” que editou o Consello da Cultura Galega no xa pasado 2020. A autora desta bd é Xulia Vicente, quen sinala que Elisa e Marcela, as protagonistas, son “dúas mulleres cuxa peculiar historia foi reconstruída a partir de documentos oficiais e de extractos de xornais, moitas veces con testemuñas de difícil comprobación. [...] Esta banda deseñada ten a intención de divulgar e visibilizar a vida destas mulleres, pero nunca debe tomarse como unha versión cen por cen fiel á historia”.

Ademais, no agasallo tamén aparecía un marcapáxinas contra a violencia de xénero, para que poidamos sinalar onde deixamos as nosas lecturas mentres non as rematamos sen esquecer a importancia do que o 25N significa. Por último, o agasallo contiña un sobre co poema “Derradeiro adeus” de Marina Montenegro, alumna do instituto e recente gañadora dun dos premios do III Certame de Poesía Torre de Caldaloba, a quen pediremos que nos acompañe nunha das vindeiras sesións para podermos coñecer todo o proceso creativo que rodea a súa creación persoal.




domingo, 29 de novembro de 2020

O Niño da Curuxa comeza a voar

 Esta semana que deixamos atrás tivemos a primeira xuntanza cos dous grupos do club de lectura “O niño da curuxa”. Ao longo desas sesións analizamos as dúas obras de banda deseñada que descubrimos neste primeiro trimestre.

Co primeiro grupo analizamos a obra de Paco Roca Engurras, un cómic onde temas  como o mundo da vellez ou a vida nas residencias de anciáns foron dando pé a outros máis profundos como o concepto de soidade dalgunhas persoas, o paso do tempo, a liberdade ou a evidencia na obra da evolución da enfermidade do protagonista.

Co seguinte grupo a análise centrouse na obra de Miguelanxo Prado A mansión dos Pampín, cómic co que a rapazada afondou na reflexión de aspectos como a vida no rural, a economía de mercado ou a nefasta política de conservación de bens históricos que foron saíndo á luz mentres comentabamos as viñetas que o autor, a través do seu humor e retranca, elaborou nesta popular obra.

Ámbalas dúas bandas deseñadas foron do gusto da rapazada, coa que xa quedamos en vernos na vindeira sesión para comentar O grupo e Amor amargo.