23 de abril! Unha das datas que máis estabamos a esperar no calendario e, como non podía ser doutro xeito, un día de celebración e ledicia para as persoas que formamos o club de lectura “Curuxaina”!
venres, 23 de abril de 2021
O Club festexa o Día do Libro
venres, 16 de abril de 2021
Seguimos a andaina
Este venres, 16 de abril, tivemos a primeira xuntanza do terceiro trimestre todas as persoas que somos membros do club de lectura “Curuxaina”. Durante o noso breve encontro aproveitamos para comentar as dúas lecturas que tiñamos pendentes: Vampira de blibloteca de Ledicia Costas e 22 segundos de Eva Mejuto. En xeral, ámbalas obras gustaron moito e destacáronse delas aspectos como o emprego do humor, a súa orixinal trama ou como consegue atrapar ao lector/a desde as primeiras páxinas na obra de Ledicia Costas, mentres que da segunda, a obra de Eva Mejuto, sinaláronse cuestións como a importancia de dar a coñecer ese tipo de historias, para fomentar a empatía con todas as persoas que poden estar a pasar por tránsitos por veces tan dolorosos socialmente como o que lle ocorre ao protagonista do libro.
Ademais, aproveitamos para cubrir un pequeno formulario onde explicamos cal é o noso libro favorito e por que recomendariamos a súa lectura. Desta última actividade non podemos adiantar moito máis, pois ten que ver con algo que estamos argallando para o próximo venres, 23 de abril, data na que se conmemora internacionalmente o “Día do libro” e día que xa temos reservado desde o club de lectura para festexar todas e todos xuntos. Agardamos desde xa a próxima xuntanza, pois xa adiantamos que virá cargada de sorpresas e celebracións!
mércores, 31 de marzo de 2021
Artur Pastoriza
Na sesión, tivemos a sorte de que nos acompañase Artur Pastoriza, quen malia a súa mocidade xa ten ás costas unha ampla bagaxe no coñecemento e difusión da cultura tradicional galega. Grazas a el descubrimos moitas cousas como, por exemplo, a diferenza entre tradicional e popular, a importancia do papel das mulleres na conservación da cultura galega durante os anos máis duros da emigración ou a especial relación entre música e poesía na lírica tradicional...e incluso nos animou a vivenciar a experiencia de sermos creadoras e creadores de coplas populares que fomos argallando, compartindo e, incluso, algunhas interpretándoas!
Foi unha xornada moi agradable onde houbo risos, música e poesía mentres se aprendía a importancia de respectar e valorar a tradición como parte integrante da cultura actual. Quedamos con gana dunha segunda parte do obradoiro no que poder afondar!
Despedímonos desexándonos boas lecturas nestas vacacións e quedando para a volta, con gana de falar de Vampira de biblioteca e 22 segundos así coma de coñecer as novas propostas do terceiro trimestre onde tamén xa sabemos que haberá algunha que outra sorpresa!
venres, 5 de marzo de 2021
Lectura e reivindicación
Hoxe venres, 3 de marzo, tivo lugar a reunión quincenal do club de lectura “O niño da curuxa”, mais esta foi unha sesión un chisco diferente.
Primeiro, o alumnado recolleu no salón de actos os novos exemplares deste segundo trimestre. Puideron escoller entre dúas lecturas: Vampira de bliblioteca de Ledicia Costas ou 22 segundos de Eva Mejuto, ámbalas dúas escritoras galegas que nos achegan historias completamente diferentes, mais igualmente interesantes. Na primeira, Eleonora, unha vampira que se dedica a papar os insectos que queren roer as páxinas dos libros da biblioteca onde vive, conta a apaixonante historia que lle aconteceu nese espazo; mentres que na segunda, Álex, un mozo transexual, relata a súa propia experiencia de cambio de xénero e todos os atrancos sociais que tivo que vivir ata lograr que se aceptase.Con estes dous exemplares aproveitamos para explicar coma no próximo 8 de marzo cómpre non esquecer o papel das escritoras, que moitas veces atópanse invisibilizadas polo canon literario, así coma tamén, despois de repartir os exemplares segundo os seus gustos e intereses, decidimos acudir ao acto que se estaba a celebrar no instituto esta mañá en favor dos dereitos das “mulleres trans” por parte do grupo de diversidades afectivo-sexuais do centro para, deste xeito, comezar a empatizar e a coñecer máis de preto a temática dunha das obras.
Ao rematar o recreo quedamos en vernos aproximadamente en quince días, xuntanza onde contaremos cunha sesión moi especial. Haberá que agardar ata daquela!


















