domingo, 9 de maio de 2021

Nova proposta: banda deseñada

A sesión deste venres cinco de maio foi bastante rápida, pois o seu obxectivo principal baseábase en repartir as lecturas que estaban pendentes e, deste xeito, poder degustalas nas vindeiras semanas.

As obras que se propuxeron pertencen ámbalas dúas ao xénero da banda deseñada: a primeira delas é a adaptación da novela da escritora galega Berta Dávila, "O derradeiro libro de Emma Olsen",que corre a cargo do debuxante Pablo Prado cunha proposta estética sumamente interesante que merece a pena descubrir, mentres que, a segunda das opcións é o cómic "Subnormal", libro onde se conta a través das viñetas a historia de acoso escolar que sufriu o xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta e que está realizada por Fernando LLor e Miguel Porto.

Os libros que cedemos para a súa lectura son dous cómics actuais, quizais un chisco arriscados pola súa complexidade, mais que foron acollidos con moitas ganas e ilusión e supuxeron todo un reto ao que enfrontarse, coma lectores case adultos que xa son, a todos os membros do club "Curuxaina".

Ademais, aproveitamos a xuntanza para falar un chisco da poeta Xela Arias, poeta homenaxeada proximamente co Día das Letras Galegas 2021, e a que intentaremos achegarnos e honrar cunha actividade que quedamos en argallar ao longo da vindeira semana.

Quedamos en vernos o venres que vén, para ver se somos quen de materializar todas esas ideas que quedaron orbitando en nós e compartir outro rato xuntas e xuntos. Ata daquela!

venres, 23 de abril de 2021

O Club festexa o Día do Libro

23 de abril! Unha das datas que máis estabamos a esperar no calendario e, como non podía ser doutro xeito, un día de celebración e ledicia para as persoas que formamos o club de lectura “Curuxaina”!

Quedaramos en vernos onde sempre, así que nos xuntamos no salón de actos e alí recibimos un pequeno agasallo personalizado: postais literarias para cada unha das persoas do club. Dentro delas había distintos fragmentos de texto que facían alusión a emblemáticos inicios dalgúns dos libros máis coñecidos na literatura universal, co seu autor e título correspondente. Cadaquén escolleu a súa postal, deixando que o azar fixese o seu efecto e nos permitise descubrir, dunha maneira diferente e orixinal, obras de referencia da literatura universal: Tolkien, García Márquez, Ray Bradbury, Dickens, Palahniuk, J.D. Salinger ou Jane Austen foron algúns dos novos nomes que puidemos coñecer.

Despois de recibir as postais, dirixímonos ao taboleiro que a biblioteca ten no edificio da ESO para construírmos entre todos e todas un pequeno mural co que visibilizar as recomendacións literarias que fixeramos a semana pasada. Cada persoa puxo na cortiza a súa recomendación e alí quedarán expostas para que o resto de alumnado do centro poida coñecer novas lecturas que iniciar!

Foi un día moi especial no que compartimos o noso amor pola literatura e intentamos achegalo a todas as demais persoas do centro para que elas tamén o poidan experimentar.

Quedamos en vernos nun par de semanas para devorar as seguintes obras que aínda están por vir!

venres, 16 de abril de 2021

Seguimos a andaina

Este venres, 16 de abril, tivemos a primeira xuntanza do terceiro trimestre todas as persoas que somos membros do club de lectura “Curuxaina”. Durante o noso breve encontro aproveitamos para comentar as dúas lecturas que tiñamos pendentes: Vampira de blibloteca de Ledicia Costas e 22 segundos de Eva Mejuto. En xeral, ámbalas obras gustaron moito e destacáronse delas aspectos como o emprego do humor, a súa orixinal trama ou como consegue atrapar ao lector/a desde as primeiras páxinas na obra de Ledicia Costas, mentres que da segunda, a obra de Eva Mejuto, sinaláronse cuestións como a importancia de dar a coñecer ese tipo de historias, para fomentar a empatía con todas as persoas que poden estar a pasar por tránsitos por veces tan dolorosos socialmente como o que lle ocorre ao protagonista do libro.

Ademais, aproveitamos para cubrir un pequeno formulario onde explicamos cal é o noso libro favorito e por que recomendariamos a súa lectura. Desta última actividade non podemos adiantar moito máis, pois ten que ver con algo que estamos argallando para o próximo venres, 23 de abril, data na que se conmemora internacionalmente o “Día do libro” e día que xa temos reservado desde o club de lectura para festexar todas e todos xuntos. Agardamos desde xa a próxima xuntanza, pois xa adiantamos que virá cargada de sorpresas e celebracións!



mércores, 31 de marzo de 2021

Artur Pastoriza

O xoves, 25 de marzo, tivemos a última xuntanza deste trimestre no club de lectura "O niño da curuxa" e o certo é que non puidemos despedirnos ata a próxima dun xeito máis especial!

Na sesión, tivemos a sorte de que nos acompañase Artur Pastoriza, quen malia a súa mocidade xa ten ás costas unha ampla bagaxe no coñecemento e difusión da cultura tradicional galega. Grazas a el descubrimos moitas cousas como, por exemplo, a diferenza entre tradicional e popular, a importancia do papel das mulleres na conservación da cultura galega durante os anos máis duros da emigración ou a especial relación entre música e poesía na lírica tradicional...e incluso nos animou a vivenciar a experiencia de sermos creadoras e creadores de coplas populares que fomos argallando, compartindo e, incluso, algunhas interpretándoas!

Foi unha xornada moi agradable onde houbo risos, música e poesía mentres se aprendía a importancia de respectar e valorar a tradición como parte integrante da cultura actual. Quedamos con gana dunha segunda parte do obradoiro no que poder afondar!

Despedímonos desexándonos boas lecturas nestas vacacións e quedando para a volta, con gana de falar de Vampira de biblioteca e 22 segundos así coma de coñecer as novas propostas do terceiro trimestre onde tamén xa sabemos que haberá algunha que outra sorpresa!


venres, 5 de marzo de 2021

Lectura e reivindicación

 Hoxe venres, 3 de marzo, tivo lugar a reunión quincenal do club de lectura “O niño da curuxa”, mais esta foi unha sesión un chisco diferente.

Primeiro, o alumnado recolleu no salón de actos os novos exemplares deste segundo trimestre. Puideron escoller entre dúas lecturas: Vampira de bliblioteca de Ledicia Costas ou 22 segundos de Eva Mejuto, ámbalas dúas escritoras galegas que nos achegan historias completamente diferentes, mais igualmente interesantesNa primeira, Eleonora, unha vampira que se dedica a papar os insectos que queren roer as páxinas dos libros da biblioteca onde vive, conta a apaixonante historia que lle aconteceu nese espazo; mentres que na segunda, Álex, un mozo transexual, relata a súa propia experiencia de cambio de xénero e todos os atrancos sociais que tivo que vivir ata lograr que se aceptase.

Con estes dous exemplares aproveitamos para explicar coma no próximo 8 de marzo cómpre non esquecer o papel das escritoras, que moitas veces atópanse invisibilizadas polo canon literario, así coma tamén, despois de repartir os exemplares segundo os seus gustos e intereses, decidimos acudir ao acto que se estaba a celebrar no instituto esta mañá en favor  dos dereitos das “mulleres trans” por parte do grupo de diversidades afectivo-sexuais do centro para, deste xeito, comezar a empatizar e a coñecer máis de preto a temáticdunha das obras.

Ao rematar o recreo quedamos en vernos aproximadamente en quince díasxuntanza onde contaremos cunha sesión moi especial. Haberá que agardar ata daquela!