xoves, 7 de outubro de 2021
Buscando aventuras
Que libro escollemos?
Na primeira xuntanza do Club de lectura ofreceremos a posibilidade de escoller entre tres lecturas. Cal será a gañadora?
mércores, 6 de outubro de 2021
Estamos de volta!
Un curso máis iniciamos a nosa andaina con moito ánimo e moitas ganas. O niño da Curuxa comeza a súa actividade cunha reunión na biblioteca este xoves. As novas coordinadoras do Club son Ana (profe de galego) e Teresa (profe de castelán). Moitas grazas por aceptar este reto.
Por certo, queremos agradecer a Raquel o traballo lector do curso pasado. Foi extraordinario! Un tempo complicado no que soubo transmitir o seu gusto pola lectura. Boa sorte no teu destino e esperamos xuntarnos pronto para falar de libros.
luns, 21 de xuño de 2021
Despedida do Club de lectura 2020/2021
Hoxe venres, 18 de xuño, remata a andaina como integrantes do club de lectura “Curuxaina” do IES Castro Alobre ata a próxima edición, polo que quedamos en xuntarnos para despedirnos.
Ao longo deste difícil curso soubemos acubillarnos baixo o resgardo que nos forneceron as páxinas dos diversos libros que fomos coñecendo e, así, sobrelevar de mellor forma a estraña e confusa situación que a pandemia que estamos a vivir xerou en todo canto nos rodea.
Non foi un reto fácil. Con todo, soubemos extraer a esencia que os clubs de lectura achegan e, malia todos os atrancos, conseguimos aprender, rir, descubrir, compartir e soñar cos libros como elemento nuclear da nosa unión.
Levamos connosco, xa para sempre, cada unha das páxinas que coñecemos grazas á lectura, pequenos tesouros que nos axudarán a construír o noso grande universo cultural, algo infranqueable. Quedan moitas historias incribles en cada un dos libros que atoparemos no camiño, agardando a que batamos con eles e as descubramos!
Grazas por todo e por tanto. Ata sempre Curuxain@s!
luns, 31 de maio de 2021
Repartimos as últimas lecturas
Hai tempo que non pasabamos polo blog para contarvos as nosas andainas, mais a actividade do “Curuxaina” non parou en ningún momento! Así que, sen máis preámbulos, aproveitamos esta ocasión para poñervos ao día de todo canto fixemos:
Na última entrada anunciabamos que estabamos a argallar algo para celebrar a Xela Arias, e así foi, pois participamos activamente nun mural colectivo que elaborou o Departamento de Lingua Galega. Nese mural engadimos algunhas mostras da nosa reinterpretación dalgúns dos versos da gran poeta que este ano se homenaxeaba a través de cartolinas con versos dela decorados con imaxes, collages e todo o que Xela inspiraba en nós.Pasado o Día das Letras Galegas as
persoas do “Curuxaina” tivemos outra xuntanza para vernos e onde estivemos a
realizar un test sobre gustos lectores. Nese formulario definiamos as nosas
preferencias lectoras para que a coordinadora do club escollese na biblioteca
do centro cal ía ser a nosa última lectura do curso.











