martes, 24 de outubro de 2017

Del color de la leche, próxima obra do grupo do profesorado.



O próximo xoves 26 de outubro teremos unha nova xuntanza do grupo do profesorado, esta vez para comentar  a obra Del color de la leche de Nell Leyshon.
Será na cafetería do centro a partir das tres da tarde.




Imaxe relacionada

Xuntanza do grupo do profesorado en torno a O anxo negro de Manuel Gago con visita ao mosteiro de Armenteira.

O pasado xoves 5 de outubro reuniuse o grupo do profesorado nunha comida de benvida ao novo curso e tamén de reencontro coas compañeiras e compañeiro que xa non están no centro pero seguen formando parte do noso club.

A obra que comentamos foi O anxo negro de Manuel Gago, da que destacamos o ben que reflexa a realidade do saqueo do noso patrimonio, a traballada estrutura e as referencias históricas. O vídeo que recrea a novela foi moi loubado na xuntanza.

Esta obra préstase a facer un roteiro polos espazos que recrea, pero a falta do percorrido pola Costa da Morte, completamos esta primeira reunión do curso cunha visita guiada polo mosteiro de Armenteira que nos queda máis perto e que ben podería ser un dos espazos de O anxo negro.

Grazas Sabarís por organizar esta posta en marcha do noso club de lectura neste novo curso!









O club de lectura Curuxaina en marcha no curso 2017-18.

Comeza a nosa andaina neste novo curso e faino con novidades nos grupos de alumnado. Dado o elevado número de rapazas e rapaces de Bacharelato (28) que se apuntaron para formar parte do club neste curso, optamos por facer un grupo exclusivo desta etapa.

Feita a primeira reunión, decidimos, nesta primeira avaliación, que as nosas lecturas versasen sobre o tema da diversidade sexual . Comezamos con dúas obras de banda deseñada ( dado o éxito que o curso pasado tivo este xénero). Estas obras son: El azul es un color cálido de Julie Maroh e Fun home , una familia tragicómica de Alison Bechdel.


Imaxe relacionada
Imaxe relacionada


O outro grupo de alumnado está formado pola rapazada dos catro cursos de ESO (24). Tivemos tamén a primeira reunión e xa estamos lendo a primeira obra do curso, unha obra narrativa que ten moito de poética: De repente en lo profundo del bosque de Amos Oz: 

Resultado de imaxes para de repente en lo profundo del bosque


Por último, o grupo do profesorado xa tivo a súa primeira xuntanza para comentar a lectura posta a final do curso anterior: O anxo negro de Manuel Gago, da que daremos conta na entrada seguinte.

mércores, 5 de xullo de 2017

O grupo do profesorado de Club de Lectura Curuxaina tamén se despide do curso 2016-17.

Do xeito máis festeiro posible, cunha comida campestre no exterior do instituto despediuse deste curso o grupo A curuxa Sabia. Foi o mércores 21 de xuño nunha xuntanza na que comentou a última obra deste período lectivo: Recursos inhumanos de Pierre Lemaitre.


Os comentarios da obra destacaron a súa dureza,
como a crise e a loita pola supervivencia poden mudar a un ser humano nun contexto onde todo, incluída a explotación está permitido no mundo laboral.



Fíxose unha análise dos personaxes e coincidimos en que é o final da obra quen pon a cada un no seu sitio ao quedar perfectamente claro quen se deixa levar pola corrupción e a falta de moral e que prioriza  a ética sobre o poder.


Até o curso que vén, no que seguiremos compartindo lecturas e encontros!! Boas vacacións!!

Xa non estou aquí de Iria Misa, última lectura do grupo A curuxa noiteira.

O alumnado de 4º ESO e 1º e 2º de Bacharelato do Club de lectura Curuxaina despediuse do curso 2016-17 cunha xuntanza no exterior do instituto o xoves 22 de xuño de dúas a tres da tarde.

A obra a comentar era a novela de Iria Misa , Xa non estou aquí, que, malia a que parte dunha historia real, á maioría da rapazada do grupo parecíalle incríbel .
A soidade, o desamor, a loita por estar á altura d@s iguais na adolescencia ...foron algúns dos temas apuntados como principais. E, en canto as personaxes, a vulnerabilidade da protagonista foi o máis destacado.
Consideración positiva mereceu o cambio de puntos de vista, as diferentes visións das voces narrativas e o feito de incluír entre elas a da propia protagonista desaparecida.

E con esta xuntanza despedímonos até o curso que vén, con máis encontros e máis lecturas! Feliz verán!