Despois, as novas lecturas. Libros e cine de terror. Que historias lles tocarían? De momento só unhas pinceladas terroríficas!!👻👻👻
venres, 18 de novembro de 2022
A casa de Formoso
Lecer literario para comentar as impresións de A casa de Formoso, de Héctor Cajaraville, aínda que algunhas curuxainas non o remataron por mor dos exames😔 pero queren acabalo. Bo sinal!! De todos os xeitos, sempre se pasa un rato agradable conversando de libros con xente nova.
luns, 7 de novembro de 2022
Unha xuntanza esperada
Un novo curso iniciamos as xuntanzas do Club de lectura do profesorado, esperando xa coller de novo o ritmo "prepandémico". A lectura a comentar foi Hamnet de Maggie O'Farrell. Gustou a súa prosa descritiva e engaiolounos Agnes, personaxe "moi galego", moi máxico. Destacamos os momentos tristes e emotivos. Sen dúbida, unha boa lectura que recomendamos desde este club.
Agora nos queda por ler, para a próxima xuntanza, Pura pasión de Annie Ernaux e Así fala Penélope de Marta Dacosta (unha antoloxía de xénero).
luns, 10 de outubro de 2022
Benvidas Curuxainas!!
O Club Curuxaina está de volta! Reunímonos hoxe na biblio durante o recreo coma sempre. Eramos 24 curuxainas, empezamos con forza! Botamos de menos a Ana Castro, pero démoslle a benvida a Antonio Fernández como novo curuxaina. Despois tocou presentarnos e xuntarnos por equipos para resolver unha sopa de letras na que estaba oculto o título e o nome do autor do primeiro libro que imos ler O segredo da casa de Formoso de Héctor Cajaraville. Un autor que sempre triunfa no noso centro.
venres, 13 de maio de 2022
Saímos a ler!
O pasado xoves 13 de maio a rapazada do club de lectura achegouse a Santiago a pasar a xornada. Ben o merecen despois da andaina lectora deste curso!!
Visitamos a Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura!!! Encantounos!!! O deseño e as salas de lectura son impresionantes.
Puidemos acceder ao arquivo onde se gardan verdadeiras xoias, facsímiles do s. XV, edicións antiquísimas de revistas e xornais e libros en miniatura que son verdadeiros tesouros.
Ademais vimos onde gardan as bibliotecas de persoeiros como Isaac Díaz Pardo.
Puidemos ver un incunable. Moito alumnado non sabía o que era e sorpendeulles moito velo.
Foi unha visita moi interesante.
Despois aproveitamos para ver unha exposición sobre o Surrealismo, tamén moi interesante e impactante.
Á saída tomámonos un descansiño!! E compartimos as lecturas que levamos das nosas casas; lemos os fragmentos que traiamos seleccionados. Foi un momento moi especial e descubrimos libros que non coñeciamos.
Aproveitamos tamén para disfrutar dos espazos exteriores que ten a Cidade da Cultura. Foi unha xornada diferente e moi especial👏👏
Nos próximos días prepararemos unha exposición coas mellores fotos da xornada!!! Queremos compartilas cos nosos compis!!!
Viva o Club de lectura Curuxaina!!!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)






































