venres, 26 de xaneiro de 2024

E ti que contas de Pelé?

 Pelé foi o deportista convidado á xuntanza do Club. Falamos de esforzo, de soños cumpridos e por cumprir, de premios, de fútbol. Lemos como se convertiu na estrela que foi e comparamos a súa historia coa de Muhammad Ali, a anterior lectura.

Despois, propuxemos un obradoiro de máscaras, porque se achega o Entroido e non nos volveremos ver ata despois das vacacións cunha nova historia, a de Nadal.

Por certo, tamén nos despedimos de Martín que deixa o cole para ir ao centro con Eles. Seguro que estará moi a gusto nesta nova etapa, aínda que o botaremos de menos. Boa sorte, Martín!

Os libros-tesouro

 Hoxe, na reunión do Club de lectura, non perdemos nin un minuto. Falamos dos libros-tesouro que temos na biblio e que tivemos a sorte de levar para disfrutar nas vacacións de Nadal. Tamén comentamos a novela El curioso incidente del perro a medianoche de Mark Haddon. Gustou moito esta lectura, tanto que varias nais "roubáronlle" o libro ás súas fillas e fillos e tamén leron esta marabillosa historia, cun narrador que non deixa indiferente a ninguén. 

Rematamos a xuntanza vendo un vídeo que a autora Lorena Conde grabou especialmente para nós. Presentounos Velloucas & Minchas, a novela coa que gañou o premio María Victoria Moreno de novela xuvenil e que imos ler en febreiro. Xa estamos desexando comezar esta nova historia e compartir con ela unha charla sobre o libro na próxima reunión.

mércores, 10 de xaneiro de 2024

Chega o Nadal




Chegou o Nadal e con el a última xuntanza do Club. Houbo merendola e, o máis importante, unha sorpresa!!! Preparamos libros para que o alumnado os levase de vacacións. Na primeira xuntanza do ano saberemos se lle gustou a lectura. A ver que nos contan!

luns, 18 de decembro de 2023

Reencuentro

Reencuentro de Fred Ulhman foi o motivo da nova xuntanza da Curuxa sabia. Título moi apropiado para as nosas reunións, xa que nos reencontramos con membros do club que xa non están no noso centro, pero seguen apegados á lectura.

Historia marabillosa que trata o tema da amizade de dous mozos, que non encaixan no grupo, e que se acaban atopando. A forte presión social da Alemaña nazi acaba separándoos no desenvolvemento da historia, pero, ao final, dalgunha maneira volven a atoparse. 

Esta lectura gustou moito. Falamos de sentimentos, de historia, de política, de actualidade. Que máis se lle pode pedir a un libro?

Agora xa temos entre mans Ninguén contará a verdade de Pedro Feijoo. 

mércores, 13 de decembro de 2023

Unha de medo

 Aire negro de Agustín Fernández Paz e As mans do medo de Xosé Miranda foron o motivo de conversa co alumnado do Club de 3º e 4º ESO e 1º de bacharelato. 

Despois do faladoiro, compartimos os nosos medos.
E, finalmente, coñecimos a próxima lectura para despois do Nadal é El curioso incidente del perro a medianoche de Mark Haddon.