mércores, 20 de marzo de 2024

Hoxe falamos de cómics

  Interesante encontro con Xaime Lislibreiro e experto en cómics. Esta foi a maneira de celebrar desde a biblioteca o Día do Cómic e do Tebeo.

Comezou Xaime coas diferentes palabras que se utilizan para falar de cómics: banda deseñada, novela gráfica, manga, quadrinhos, tebeo, historieta, fumetto... Todas elas designan o mesmo, debuxos acompañados de texto.

A continuación, fixo un percorrido polos precedentes do cómic como as pinturas rupestres ou a columna de Traxano que xa contaban historias. Falounos da importancia do descubrimento da imprenta en 1453, das primeiras litografías en 1798 e dos primeiros cómics en 1830. Todo un luxo escoitalo e ver a selección de imaxes que, ao mesmo tempo, comentaba.

Finalmente, falou do cómic europeo, dos fanzines (feitos por persoas afeccionadas que non teñen outros medios de publicar), das historietas de tema social ou de creadores de cómic como Osamu Tezuka, Moebius, Joe Sacco, Enma Ríos ou Miguelanxo Prado.

Por suposto, o cómic en galego tamén ocupou parte da súa intervención, así como o aumento de autoras femininas.

Destacamos a súa reivindicación para que os autores e autoras de banda deseñada sexan máis valorados, porque son grandes artistas.

Agradecemos a Xaime que estivese con nós  e compartise os seus coñecementos coa rapazada do Club de lectura. Pronto teremos na biblioteca as súas recomendacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario