mércores, 24 de maio de 2023

Las primas de Aurora Venturini

 Na última xuntanza da Curuxa sabia descubrimos a Aurora Venturini, que escribiu Las primas pasados os oitenta anos. Desde logo, esta lectura non deixou indiferente a ninguén e a linguaxe empregada, en nada "politicamente correcta", levounos a debater a actual pretensión de corrixir os textos dalgúns autores.

É unha lectura de temática dura protagonizada por mulleres con distinto grao de discapacidade, que invita á reflexión: abusos contra as mulleres, prostitución, aborto... Pero, a pesar de todo isto, Aurora Venturini, ás veces, é capaz de provocar un sorriso na persoa lectora coa súa forma de narrar ou, mellor, dito, coa maneira que Yuna é quen de contarnos esta tremenda historia.

Recomendamos esta lectura e xa nos preparamos para a seguinte, La desconocida de Rosa Montero.

mércores, 10 de maio de 2023

Picasso 2023

 Nova xuntanza do Club de lectura co Colexio de Educación Especial. Adicamos a lectura a Picasso e aproveitamos para desenvolver a creatividade. O resultado foi marabilloso!

Fixádevos que taboleiro máis bonito temos no corredor.

mércores, 3 de maio de 2023

Desconocidos

 Hoxe no club de lectura falamos de Desconocidos de David Lozano, unha novela sobre os perigos que agochan as citas "a cegas". O libro gustou moito, sobre todo polo xiro sorprendente que dá nas últimas páxinas. Despois da charla sobre esta historia tan inquietante, aínda nos deu tempo de montar un par de collages, para animar a máis xente a ler a novela.

Para o mes de maio temos unha lectura de Andrea Maceiras, O que sei do silencio, que tamén toca un tema moi de actualidade, por desgraza, o bullying.

Seguro que será unha lectura moi entretida e interesante.






xoves, 30 de marzo de 2023

O manga chega con forza ao Club

Hoxe, por fin, puidemos reunirnos no Club de Lectura Curuxaina. Non eramos moitos, pero foi unha xuntanza ben interesante e entretida. Falamos de novela gráfica e de manga  e comprobamos que estas lecturas teñen moito éxito entre as curuxainas!


As obras que máis gustaron foron Uzumaki de Junji Ito; Heartstoppers de Alice Oseman e, por suposto, Guardianes de la noche de Koyoharu Otoge.

Como as opinións resultaron moi interesantes, imos facer unha segunda sesión o venres 31 e subir algunhas das críticas ao blog e ao Instagram do grupo.

E para que non falte lectura para os próximos días de descanso, acabamos de repartindo o novo libro, Desconocidos, de Diego Lozano do que falaremos o vindeiro mes.



mércores, 8 de marzo de 2023

Ons

 Nova xuntanza do Club para falar de Ons. A rapazada manifestou diferentes opinións sobre o libro e foi contestando a unha serie de preguntas para intentar abrir un pequeno debate. 
Só nos faltou coller o barco e achegarnos á illa. Farémolo algún día?

Rematado o debate, tocou escoller a próxima lectura: novela gráfica e manga. Proposta moi interesante.